concellos Denuncias

Os e as socialistas de Riós critican «duramente» as actuacións electoralistas da alcaldesa, Eva Barrio

O PSDEG-PSOE DO RIÓS CRITICA “DURAMENTE” AS ACTUACIÓNS DE EVA BARRIO, ALCALDESA E CANDIDATA DO PP NAS ELECCIÓNS, VALORANDO UNHA DENUNCIA POR INCUMPRIR A LEI ELECTORAL

Os e as socialistas acusan á alcaldesa de realizar publicidade “electoralista”, publicando servizos que tiñan que terse realizado fai meses e non se fixeron ata agora, precisamente cando xa se convocaron os comicios electorais e nos atopamos en precampaña

O voceiro e candidato do PSdeG-PSOE, Daniel Caneiro, recalca “a pouca vergoña da señora alcaldesa, levando a cabo a mesma política de promesas e favores persoais que utilizaba o anterior alcalde”

Riós, 28 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE do Riós critica “duramente” a actuación da alcaldesa do Partido Popular, Eva Barrio, durante as últimas semanas. Os e as socialistas acusan a rexedora de realizar publicidade “electoralista”, publicando servizos que tiñan que terse realizado fai meses e non se fixeron ata agora, precisamente cando xa se convocaron as eleccións e nos atopamos en plena precampaña.

Dende o grupo municipal socialista sinalan que esta forma de actuar “pode ser constitutiva dunha infracción da lei electoral que prohibe expresamente a realización de campañas de propaganda institucionais, salvo que sexan de interese público”. Neste senso, destacan que “ademais está vendendo como propias, proxectos pagados pola Deputación Provincial de Ourense e pola Xunta de Galicia”.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía do Riós, Daniel Caneiro Villarino, fai fincapé en que o concello “atópase nestes intres intervido por unha débeda de máis de 1.000.000 de euros que deixou o anterior alcalde, Francisco Armando Veiga, que aínda que non se presenta para a alcaldía, resulta que vai na lista electoral do PP”. Neste senso, o actual voceiro socialista no concello apunta que esta circunstancia quere dicir que “este PP é máis do mesmo, non hai cambios, van seguir facendo o mesmo que ata agora”.

“Durante 30 anos este concello só fixo malos investimentos, que nos levaron a ruína económica”, explica Caneiro Villarino, quen tamén apunta que entre estes “pésimos” investimentos destaca “o centro de día que finalmente vaise abrir como edificio multiusos, cando xa tiñamos un edificio multiusos onde están os servizos sociais e o Xulgado de Paz, e dende o primeiro momento xa se sabía que non se ía poder manter un centro de día, polo que nos preguntamos para que se gastan 580.000 euros do cidadán? Só por que queda bonito?”.

Os socialistas de Riós denuncian que “sempre se fan as obras necesarias nos núcleos de poboación nos últimos 2 meses antes das eleccións, e despois xa se esquecen de todos nós”. Tamén poñen o foco en que “o concello leva 4 anos ou máis sen facer obra ningunha, aínda que sexa con cartos doutras administracións, as intervencións nos núcleos de poboación chegan sempre a véspera dos comicios electorais”.

O candidato do PSdeG-PSOE do Riós, Daniel Caneiro, recalca “a pouca vergoña da señora alcaldesa, levando a cabo a mesma política de promesas e favores persoais que utilizaba o anterior alcalde”. Unha situación, que segundo denuncian os e as socialistas “vese claramente nas listas electorais, nas que tres traballadoras do concello van na lista electoral do PP”.

“É moi interesante ver como Eva Barrio fala de traballar pola xente do Riós e, ao mesmo tempo, na lista electoral dos cinco primeiros da lista, só 2 viven no Riós, a demais xente vive en Verín, e máis da metade da lista electoral está composta de xente que non viven efectivamente no Riós, como van traballar para o pobo unhas persoas que nin sequera viven aquí?”, finaliza Daniel Caneiro.