A DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBA AXUDAR ÁS FAMILIAS DOS NENOS E NENAS CON TRATAMENTOS ONCOLÓXICOS FÓRA DA PROVINCIA E RECLAMA A IMPLANTACIÓN DESTE SERVIZO NO CHUO, GRAZAS A UNHA INICIATIVA DO PSOE
Villarino asegurou que este é “unha das solicitudes máis necesarias do mandato” entre as impulsadas polo grupo socialista, porque “fala da saúde das nosas crianzas”
Insta á Xunta a reequilibrar o sistema galego de atención no ámbito da oncoloxía pediátrica, creando no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense unha unidade específica deste servizo
Ourense, 28 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE logrou o acordo unánime do pleno da Deputación Provincial de Ourense, para reclamar axudas para as familias dos nenos e nenas con cáncer que deben ser tratados fóra da provincia, así como a creación dunha unidade especializada en oncoloxía pediátrica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para evitar, precisamente, estes indesexables desprazamentos durante períodos de tempo tan prolongados. A moción foi aprobada cos votos de todos os grupos políticos da corporación.
O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que este é “unha das solicitudes máis necesarias do mandato” entre as impulsadas polo grupo socialista, porque “fala da saúde das nosas crianzas” que “deben saír da provincia” para recibir un tratamento para “sobrevivir”. Igualmente recordou que a norma que actualmente regula compensacións económicas por este motivo quedou totalmente desfasada, xa que acumula un cuarto de século de antigüidade.
“Estes desprazamentos supoñen un importante gasto económico, en moitas ocasións inasumible, xa que, ademais das viaxes, implica unha mudanza forzosa das familias”, dixo ao pleno tras destacar o papel de asociacións que suplen unhas axudas que “deberían prestar as administracións públicas desde hai tempo”. “Algunhas das familias ourensáns que tiveron que tratar aos seus pequenos ou pequenas en Vigo relatan dramas como ter que durmir nos seus vehículos porque non teñen outra posibilidade”, destacou Villarino.
O texto aprobado pide “aprobar axudas económicas, mediante a fórmula legal que mellor aconsellen os técnicos, destinadas ás familias de nenos e nenas residentes en Ourense, afectados ou afectadas por enfermidades oncolóxicas, que se ven obrigadas a desprazarse a outras provincias para que os seus pequenos e pequenas sobrevivan”.
Así mesmo, insta á Xunta a “reequilibrar o sistema galego de atención no ámbito da oncoloxía pediátrica, creando no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense unha unidade específica deste servizo, de referencia interprovincial e que atenda aos nenos e nenas de todo o interior da comunidade, evitando que a duplicidade nunha mesma provincia provoque que outras dúas carezan desta prestación, motivando adversos e prolongados desprazamentos forzosos das familias afectadas”.
“A estraña e irracional distribución dun servizo tan esencial, na que unha das catro provincias galegas (A Coruña) conta con dúas unidades moi próximas, mentres que outras dúas provincias (Ourense e Lugo) non teñen ningunha, provoca que moitas familias teñan que trasladarse durante longos períodos, incluso anos, a outras cidades, para que os seus fillos e fillas reciban tratamento para non morrer”, denuncian desde o PSOE ourensán.
Segundo a información facilitada polas asociacións, unha media anual de cinco familias da provincia de Ourense precisa de axuda económica ou de solucións habitacionais alleas prestadas por asociacións, para facer fronte a este período.