POLÍTICA PROVINCIAL

A Deputación de Ourense reclama melloras nos trens de Media Distancia de Galicia grazas a unha iniciativa do PSdeG-PSOE

O PSDEG-PSOE LOGRA O ACORDO UNÁNIME DO PLENO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA RECLAMAR MELLORAS NOS SERVIZOS FERROVIARIOS DE MEDIA DISTANCIA

Os e as socialistas destacaron que os actuais servizos, en liñas xerais, son rápidos e cómodos”, pero “hai marxe de mellora, sabendo, ademais, que estamos ante trens sufragados con fondos públicos”

A aprobación dun plan de puntualidade para Galicia tamén foi referendada por todos os grupos políticos e, para iso, entre outras cuestións, o texto reclama ao Adif eliminar as limitacións temporais da velocidade e o sistema ERTMS

Ourense, 28 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE logrou o acordo unánime do pleno da Deputación Provincial de Ourense, para reclamar melloras nos servizos ferroviarios de Media Distancia de Galicia que Renfe presta actualmente, baixo un contrato de Obriga de Servizo Público, así como a creación dun novo servizo Media Distancia que una a terceira cidade de Galicia con Pontevedra e Vigo empregando as liñas de alta velocidade existentes.

Concretamente, a iniciativa aprobada pide a Renfe e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) á ampliación de frecuencias no Avant, establecendo un novo servizo diario ás 21:00 horas sentido A Coruña>Santiago>Ourense, co fin de suplir a ausencia de relacións a partir das 19:50 horas. Tamén atrasar ás 06:30 horas o Avant que sae da Coruña sentido Ourense ás 05:55 horas e ás 15:30 horas o que sae da Coruña cara Ourense ás 15:10 horas, co fin de poder ofrecer un servizo máis eficiente aos usuarios e usuarias desprazados a centros de traballo ou estudo.

Igualmente foi aprobada a petición de crear seis relacións diarias, en ambos sentidos, entre as provincias do sur de Galicia, que conecten Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, aproveitando a variante de Conxo e “evitando transbordos en Santiago que penalizan a duración e eficiencia das viaxes, nada competitivas fronte á autoestrada”. Así mesmo foi referendada unha ampliación de trens entre A Coruña e Vigo, establecendo servizos, en ambas as direccións, ás 06:00 e ás 08:00 horas.

O pleno da Deputación Provincial tamén pide mellorar a conexión entre Ourense e O Carballiño, así como coas comarcas de Lemos e Valdeorras, creando novos servizos, recuperando os suprimidos pola pandemia e adaptando os horarios, na medida do posible, ás necesidades expostas polas plataformas de usuarios e usuarias.

A aprobación dun plan de puntualidade para Galicia tamén foi referendada por todos os grupos políticos e, para iso, entre outras cuestións, o texto reclama ao Adif eliminar as limitacións temporais da velocidade e a posta en servizo do sistema ERTMS entre Vigo e A Coruña e en toda a a liña Ourense-Santiago.

Por último, tamén aprobaron pedir a Renfe ao aumento dos puntos de venda e atención presencial en Ourense (un máis), xa que, na actualidade, só existen dúas xanelas nesta estación que aumentou a súa demanda considerablemente nos últimos anos, tras sumar 1,8 millóns de viaxeiros e viaxeiras durante 2022 e “cunhas previsións de seguir incrementando esta cifra”.

O deputado, Diego Fernández, salientou que “os actuais servizos que unen o Eixo Atlántico e Ourense, en liñas xerais, son rápidos, cómodos e eficientes”, pero creen que “hai marxe de mellora, sabendo, ademais, que estamos ante trens sufragados con fondos públicos”, unha situación que se intensificou desde 2022 coa activación dos abonos gratuítos aprobados polo Goberno central, que supoñen unha maior transferencia directa de fondos públicos.