O PSDEG-PSOE DE OURENSE INSTA Á XUNTA Á CREACIÓN DUN CONSORCIO INTERINSTITUCIONAL TERMAL E PROPÓN UNHA INVERSIÓN MÍNIMA DE 10 MILLÓNS DE EUROS PARA DESENVOLVELO
O candidato á alcaldía, Paco Rodríguez, e José Ángel Vázquez Barquero, número tres da lista para as eleccións, sinalaron que hai que pasar “da retórica aos feitos poñendo recursos económicos enriba da mesa”.
Afirmaron que a creación deste organismo sería respaldada cunha aportación mínima de 10 millóns de euros durante os catro primeiros anos no caso de chegar os socialistas ao goberno local
Ourense, 28 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense presentou esta mañá unha proposta para crear un consorcio interinstitucional termal coa Xunta de Galicia e conseguir que a cidade se converta na capital do país neste eido. O candidato á alcaldía do partido socialista, Paco Rodríguez, e José Ángel Vázquez Barquero, número tres da lista para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, sinalaron que hai que pasar “da retórica aos feitos poñendo recursos económicos enriba da mesa”.
Barquero afirmou que a creación deste organismo sería respaldada cunha aportación mínima de 10 millóns de euros durante os catro primeiros anos por parte do Concello no caso de chegar os socialistas ao goberno local. “Non se poden facer só anuncios e proclamas de campaña. Hai que pasar á acción e poñer cartos enriba da mesa”, incidiu engadindo que ese orzamento sería a maiores dos recursos que xa se destinan ao mantemento das actuáis dotacións termais.
Lembrou, neste senso, que o proxecto é totalmente viable como quedou patente coa aprobación “por unanimidade” do Pleno municipal, no ano 2007, dun plan estratéxico no que xa se contemplaba a iniciativa. “Non podemos continuar penalizando aos cidadáns e aos que nos visitan”, criticou sobre o abandono do actual executivo municipal que se guía polo “electoralismo”, o “oportunismo” e que carece dunha “folla de ruta”.
Facendo referencia ás últimas e recentes declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas que sostivo que o termalismo é “o novo Xacobeo”, Barquero tamén pediu ao Goberno autonómico que se comprometa de xeito riguroso e formal a aceptar a proposta. “Ademais, o consorcio poderá captar recursos económicos doutras fontes como os fondos da Unión Europea, animar á inversión dos operadores privados do sector na cidade e apoiar a investigación e innovación no Campus da Auga”, resumiu poñendo como exemplo o ‘clúster’ termal de Chaves (Portugal).
Incidiu en que a inacción de Jácome no termalismo e os retrasos nas obras de acondicionamento e mellora dos espazos descapitalizan e afectan ao patrimonio público. “Nós estamos aquí para converter aos incrédulos en crentes e recoller as demandas dos cidadáns para atender as súas necesidades. É un feito obxectivo que os e as ourensás esixen unha política termal clara, pensada, reflexionada, programada e planificada acorde coa nosa riqueza e aspiracións como cidade”, expuxo na rolda de prensa.

“Estamos abertos a calquera proposta de desenvolvemento termal sensata e razoable e somos os primeiros que contamos cos demais grupos. Logo haberá que estudiar e ver se son viables”, respondeu cando foi cuestionado polo anuncio do PP de crear máis balnearios na marxe dereita do río Miño. “É fundamental programar as accións e non ir a salto de mata, arranxando termas individuais de xeito puntual”, enfatizou ante a desilusión da poboación de escoitar promesas e non ver resultados concretos.
O candidato á alcaldía, Paco Rodríguez, engadiu que non conformarán un gobernó de coalición co PP, pero que a disposición para chegar a acordos en beneficio da cidade, dun modo responsable, é absoluta. “É evidente que nun eido fundamental económica e socialmente para esta cidade hai que unir forzas e comezar a falar en serio”, afirmou.
Sobre a infracción por exceso de velocidade do presidente da Deputación
Cuestionado polos medios de comunicación sobre a infracción ao volante que cometeu o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, que foi interceptado por un radar da Garda Civil circulando a 215 quilómetros por hora, o aspirante á alcaldía sinalou que é preciso que aporte máis argumentos dos remitidos na carta que enviou por este motivo.
“Vai ter que explicar varias cousas. Realmente ía a unha xornada de traballo o domingo ás seis da tarde a Madrid? Ía por unha cuestión privada? Se ía por unha cuestión privada, por que o facía co coche oficial? Hai moitas sospeitas ao respecto que terá que aclarar”, respondeu.
Rematou destacando que, para a boa imaxe da política e da institución que dirixe, “está moi ben que se asuman as responsabilidades oportunas” pero que ás veces non basta co arrepentimento público e “hai que asumir as consecuencias que se poden derivar” dos actos cometidos.