Deputación de Ourense INICIATIVAS

Solicitamos un pleno extraordinario ante as falsidades de Baltar tras delinquir conducindo un coche oficial a 215 km/h

O PSDEG-PSOE SOLICITA UN PLENO EXTRAORDINARIO ANTE AS FALSIDADES E A FALTA DE REPOSTAS DE BALTAR TRAS DELINQUIR CONDUCINDO UN COCHE OFICIAL DA DEPUTACIÓN A 215 KM/H

Segundo a lei, Baltar ten 15 días hábiles para convocalo e se non firma a convocatoria, a sesión quedará automaticamente convocada o décimo día hábil seguinte ao da finalización de dito prazo

Desde Grupo Socialista «non descartan medidas máis contundentes» nas próximas semanas se o propio Baltar, o seu grupo político ou os líderes galegos e nacionais do PP non o obrigan a dimitir

Ourense, 28 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE vén de solicitar un pleno urxente e extraordinario na Deputación de Ourense, trala “absoluta falta de explicacións” e as “evidentes falsidades” de Manuel Baltar na sesión ordinaria de hoxe venres, tras presuntamente delinquir cando conducía un coche oficial a 215 km/h. Os e as socialistas consideran “absolutamente insuficientes” as explicacións sobre este “lamentable e perigoso episodio” e por iso “consideran imprescindible celebrar unha sesión exclusiva” sobre as responsabilidades derivadas de condutas supostamente delictivas do presidente da institución.

“Tras coñecer que ese mesmo vehículo oficial acumula ata 10 sancións durante este mandato e que en tres de elas o presidente foi identificado como o infractor, quedou evidenciada unha mentira máis de Baltar, xa que non se trata dun ‘erro illado’ como el afirmou e si é dunha conduta temeraria e ilegal reiterada, executada con fondos e medios públicos”, denuncian.

Desde o PSdeG-PSOE “condenan rotundamente” estes graves feitos e solicitan un acordo “unánime” ao resto de grupos da corporación, incluido o PP que hoxe votou no pleno en contra da urxencia dunha moción sobre este asunto, así como aos líderes galegos e nacionais do Partido Popular, para adoptar “medidas urxentes e contundentes” contra un presidente que “puxo en risco a vida doutras persoas conducindo temerariamente cun coche oficial e que agora está sumido nunha espiral de mentiras”. “De non ser así, non descartamos medidas máis contundentes”, insisten no Grupo Socialista.

Coche oficial usado por Baltar estacionado hoxe venres na Deputación

Segundo a Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, o goberno provincial ten 15 días hábiles para convocar o pleno extraordinario. Se Baltar non firma a convocatoria para a celebración nese prazo, o pleno quedará automaticamente convocado ás 12 da mañá do décimo día hábil seguinte ó da finalización de dito prazo, o que será notificado polo Secretario á corporación.