O PSDEG-PSOE DE TOÉN COMPROMÉTESE A REFORMA DOS 3 CAMPOS DE FÚTBOL DO MUNICIPIO E A INSTALACIÓN DE HERBA SINTÉTICA NO CAMPO DA COSTOIRA PARA ADECUALO AOS NOVOS TEMPOS
Os e as socialistas mantiveron un encontro esta mañá coa directiva do Moreiras, na que tamén estivo presente o director xeral da Fundación Deporte Joven do CSD, Félix Jordán de Urriés Mur
O candidato do PSdeG á alcaldía de Toén, Antonio Fernández Feijóo, sinalou que a instalación de céspede artificial no campo de Moreiras “permitirá que tanto o CD Moreiras, como o Atlético Trelle poidan desfrutar dunhas instalacións deportivas acordes aos tempos, e servirá de sede para as futuras escolas deportivas”
Toén, 2 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Toén aposta pola adecuación dos tres campos de fútbol existentes no concello (Moreiras, Toén e Alongos) e comprométese a dotar as actuais instalacións deportivas da Costoira, en Moreiras, de céspede artificial e novos equipamentos para adaptalos aos tempos actuais. Os e as socialistas de Toén, encabezados polo candidato á alcaldía, Antonio Fernández Feijóo, visitaron A Costoira esta mañá, xunto co director xeral da Fundación Deporte Joven do Consello Superior de Deportes, Félix Jordán de Urriés Mur; a deputada no Congreso, Uxía Tizón; o responsable de deportes da executiva provincial, Toño González e da directiva do CD Moreiras.
Os e as socialistas trasladáronlle aos representantes da xunta directiva do CD Moreiras o seu compromiso para a instalación de céspede artificial na Costoira. O director xeral da FDJ do CSD, Félix Jordán de Urriés Mur, aproveitou para explicarlles á directiva as diferentes axudas estatais aos clubs e entidades deportivas e amosou a súa dispoñibilidade para tratar posibles liñas de subvencións para a instalación de céspede artificial na Costoira.




O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Toén, Antonio Fernández Feijóo, sinalou que “a nosa idea e reparar os tres campos de fútbol do municipio, Moreiras, Toén e Alongos, que se atopan en moi mal estado e no caso do campo de Moreiras, proceder a instalación de céspede sintético”. O actual concelleiro socialista tamén avoga pola construción dun pavillón polideportivo, a carón do grupo escolar “para que os nenos e nenas poidan desfrutar del durante o período lectivo e que fora das horas lectivas, tamén poida servir de uso para a veciñanza que queira”.
Fernández Feijóo apuntou que “o noso principal obxectivo é que a xente que queira poida desfrutar do deporte, que teña a man instalacións e que non teña que desprazarse a outras parroquias”. O candidato socialista sinalou tamén que a instalación de céspede artificial no campo do Moreiras “permitiría que tanto o CD Moreiras, como o Atlético Trelle poidan desfrutar dunhas instalacións deportivas acordes aos tempos, e ao mesmo tempo, servirá de sede para outro dos noso proxectos estrela, a creación dunha escola deportiva de fútbol que dea oportunidades ás crianzas do municipio”. Esta foi unha primeira toma de contacto e agárdase novos encontros nas vindeiras semanas.




Posteriormente celebrouse un encontro con veciños e veciñas do municipio no que o director xeral da Fundación Deporte Joven do CSD, Félix Jordán de Urríes Mur, aproveitou para destacar que na actualidade o deporte “non é só competición, e non se atopa restrinxido o seu acceso e práctica a un grupo determinado, senón que é universal, de acceso libre e a través del podemos traballar aspectos transversais e vitais para a nosa sociedade e conceptos como a igualdade, a inclusión e o reto demográfico, que van unidos ao deporte”. Neste senso o director da FSJ subliñou que o deporte “supón un contrapeso contra o despoboamento e unha panca de cambio para xerar economía naquelas zonas, maioritariamente rurais, que están azoutadas polo despoboamento, a dispersión xeográfica e a falta de servizos”.
De Urríes Mur sinalou que a explotación de infraestruturas públicas “é de vital importancia para poder empregar o deporte como ferramenta para o reto demográfico”. Neste senso afirmou que “para loitar contra o despoboamento, ponse en marcha como emenda adicional na nova Lei do Deporte, o programa deportivo Reto De, considerado un acontecemento de excepcional interese público e que axudará a ter máis e mellor actividade deportiva en zonas castigadas polo despoboamento”.