O PSDEG-PSOE APOSTA EN CELANOVA POLA CREACIÓN DUN CENTRO DE EDUCACIÓN AMBIENTAL NA ÁREA RECREATIVA DE PONTEGRANDE QUE RECUPERE E POÑA EN VALOR ESTA ZONA A CARÓN DO ARNOIA
Os e as socialistas recibiron a visita do director xeral da Fundación Deporte Joven, Félix J. de Urríes, quen se desprazou ata esta área recreativa, para manter posteriormente un encontro no que analizou a contribución do deporte ao desenvolvemento rural
De Urríes destacou que “a creación de infraestruturas deportivas no medio natural axuda á seguridade do practicante, pero tamén a seguridade global do territorio e, por iso, é moi importante o liderazgo dos municipios, amparados polas deputacións e polas CCAA”
Celanova, 2 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE vén de celebrar un acto en Celanova, no que participaron o director xeral da Fundación Deporte Joven do Consello Superior de Deportes, Félix Jordán de Urríes Mur; o técnico en xestión forestal e do medio ambiente, Jesús Regal; e a deputada no Congreso, Uxía Tizón. No mesmo, participaron tamén ducias de veciños e veciñas da vila, que escoitaron atentamente un amplo análise da importancia da contribución do deporte ao desenvolvemento rural.
Antes deste encontro, os participantes aproveitaron para visitar a área recreativa de Pontegrande, construída fai máis de 40 anos como refuxio de pescadores e provista de mesas a carón do río para desfrute dos usuarios. Tal e como sinalaron os e as socialistas “por diversos motivos leva anos en decadencia continuada e o seu estado de conservación está sometido a un total abandono institucional”. Ante esta situación apostan por “convertela nun referente na comarca”.


Os e as socialistas puxeron en valor “todo o que rodea e forma parte do medio”, propoñendo prestar “principal atención” aos cursos fluviais que discorren pola xeografía municipal. Neste senso, dende o PSOE celanovés apostan pola creación do centro de educación ambiental da área recreativa de Pontegrande, “dotándoo de aulas no interior e aulas naturais ao aire libre, no que o río sexa o principal protagonista do centro, incorporando ás aulas exteriores a un tramo do río, no cal se efectuarán actividades encamiñadas ao coñecemento de todos os tipos de vida acuática e a súa contorna”.
O director xeral na Fundación Deporte Joven do CSD, Félix Jordán de Urríes Mur, aproveitou a súa intervención para destacar que na actualidade, a practica deportiva e da actividade física dende unha perspectiva e óptica territorial “xoga un papel moi importante en diferentes ámbitos”. Neste senso sinalou que dende unha perspectiva social “dinamiza territorios e xera espazos onde a práctica deportiva non é só o principal atractivo” e apuntou que “o deporte e a actividade física son unha ferramenta para os servicios sociais de base e asociacións que traballan no ámbito da inclusión, a inmigración e aspectos de conciliación”.
De Urríes Mur sinalou tamén a importancia da perspectiva medio ambiental, afirmando que “a práctica deportiva en contornas naturais axuda a manter o entorno e tamén a manter limpos camiños e sendeiros”. O responsable da Fundación Deporte Joven do CSD subliñou que “a creación de infraestruturas deportivas no medio natural axuda á seguridade do practicante, pero tamén a seguridade global do territorio e, por iso, é moi importante neste sentido o liderazgo dos municipios, amparados polas deputacións e apoiados polas comunidades autónomas, traballando en rede e sen pecar de localismos”. Por último, apuntou que “por todos estes motivos, este Goberno é consciente da importancia dunha política deportiva coherente, con perspectiva, aberta e que mira á sociedade, ás demandas actuais e que non só se circunscribe á óptica tradicional do deporte como tal”.





Jesús Regal, técnico en xestión forestal e do medio natural e número 2 da candidatura do PSdeG-PSOE en Celanova, puxo o foco en que “a conservación do noso patrimonio medio ambiental é un dos piares que deben soster a un municipio e tamén é unha necesidade urxente no momento que vivimos actualmente”. Neste senso apuntou que dende o PSOE de Celanova “pensamos que recuperando unha zona, como é o antigo Refugio de Pontegrande, e dotándoo de instalacións para albergar dende unha aula medio ambiental dedicada a divulgación e educación para nenos e adultos, ata de elementos para a práctica de deportes relacionados co río Arnoia e a súa contorna, poderiamos obter esa simbioses case perfecta”.
Regal destacou que para conseguir estes obxectivos “temos que contar con todos os actores implicados, escoitando e pondo enriba da mesa todos os elementos necesarios para a consecución e posta en marcha deste proxecto”. O número 2 da candidatura socialista tamén afirmou que “poremos todo o noso esforzo e empeño para facer que este soño se converta nunha realidade”.
A deputada no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón, puxo o foco na simbiose entre reto demográfico e deporte, afirmando do primeiro que “é un dos desafíos que afronta a sociedade actual, aínda que é certo que as administracións levan tempo buscando solucións para frear o despoboamento, que é un reto que temos que afrontar”. Sobre o deporte, a parlamentaria socialista sinalou que “pode chegar a construír un activo, un aliado que contribúa a revitalizar o territorio, que free o despoboamento e evite desigualdades no medio rural”.
“Para logralo, é necesario integrar as políticas deportivas nas estratexias de loita contra o despoboamento”, apuntou Tizón, antes de facer fincapé en que “é preciso empregalo como unha panca de cambio para xerar actividade económica e riqueza naquelas zonas onde o despoboamento é un problema moi grande, tal e como acontece na provincia de Ourense”.