O PSDEG-PSOE DA VEIGA DENUNCIA O “CAOS” E O “DESCONTROL” NAS OBRAS DE REHABILITACIÓN DE VIVENDAS PARA ALUGUER, QUE NON DISPOÑEN A DÍA DE HOXE DE AUGA PÚBLICA
Os e as socialistas acusan ao alcalde, Juan Anta, de ser o “máximo responsable” da situación e critican que se “esquecera da captación do manancial, polo que este núcleo poboacional segue sen auga”
O voceiro do PSdeG-PSOE, Fernando Fernández denuncia “a falla total de planificación”, xa que tal e como apunta “o equipo de goberno coñecía esta circunstancia de falta de auga, pero aínda así están a executar as obras, sen resolver antes esta problemática”
A Veiga, 3 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE da Veiga denuncia o “caos” e “descontrol” nas obras que está a executar o grupo de goberno municipal do Partido Popular na rehabilitación de vivendas para aluguer. Os e as socialistas critican que ditas vivendas, non dispoñen a día de hoxe de auga pública e acusan ao alcalde, Juan Anta, de ser o “máximo responsable” desta situación.
Dende o grupo municipal socialista explican que o grupo de goberno do PP da Veiga “procedeu á compra e posterior rehabilitación de tres vivendas para alugar, no núcleo de poboación de Castromarigo, cun investimento total de 207.101,38 €, a través dun convenio de colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo, co obxecto de rehabilitar as edificacións e vivendas de titularidade municipal e destinalas a alugueiro social”. Concretamente, o custo da primeira vivenda foi de 43.989 €, a segunda de 97.777,77 e á terceira, aínda pendente, destinouse un importe de 65.433,61 €.
Tal e como subliña o voceiro socialista na Veiga, Fernando Fernández Yáñez, a problemática reside en que “este núcleo, a día de hoxe, non dispón de auga pública, polo que esas vivendas non poden incorporarse ao mercado para o seu aluguer”. Ante esta circunstancia o candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía afirma que “este tipo de anomalías son xa habituais na maioría de obras promovidas polo concello, executándose, ademais fóra do prazo previsto”.
Fernández Yáñez denuncia “a falla total de planificación”, xa que tal e como apunta “o equipo de goberno coñecía esta circunstancia de falta de auga, pero aínda así están a executar as obras, sen resolver antes esta problemática, vital para poder alugar as vivendas”. O voceiro socialista lembra que xa denunciou en sesión plenaria “esta anomalía”, e ante dita denuncia, o grupo de goberno solicitou unha subvención de 50.000 euros para construír un depósito para abastecer á poboación, pero tal e como afirma “esquecéronse da captación do manancial, polo que este núcleo segue sen auga e esas casas non poden alugarse”.
Os e as socialistas da Veiga denuncian que o goberno municipal “só pensa en obras megalómanas, e as básicas, como abastecer de auga a toda unha poboación, seguen agardando nun caixón”.