O PSDEG-PSOE DE OURENSE PIDE QUE O ALCALDE DEA EXPLICACIÓNS POR SUPOSTOS DELITOS DE COACCIÓN AO FUNCIONARIADO, SUPLANTACIÓN DE IDENTIDADE, FALSIDADE DOCUMENTAL E MALVERSACIÓN DE CAUDAIS PÚBLICOS
O grupo socialista amosa a súa fonda inquedanza ante o comportamento de Gonzalo Pérez Jácome tralas gravacións feitas públicas hoxe e pide á Xustiza que investigue o acaecido
“Non sabemos aínda todas as consecuencias que pode ter para esta cidade o seu mandato, sen esquecernos da responsabilidade máxima do Partido Popular por colocalo onde está”, destaca a voceira do grupo municipal Natalia González
Ourense, 6 de maio de 2023. O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense lamenta a imaxe do Concello que está a dar o alcalde pero non se amosa sorprendido polo comportamento do mesmo posto que levan anos denunciando publicamente que Gonzalo Pérez Jácome “é unha persoa que entende o goberno como unha empresa privada para facer negocio”, segundo explica a súa voceira, Natalia González.
“Pedimos, en reiteradas ocasións, información pública, para tódolos cidadáns e cidadás, de que pasou e por que se empregan vehículos do Concello de Ourense que pagamos todos e todas para fins particulares. Véñense a confirmar as nosas sospeitas”, sinala a socialista que lembra que no último pleno ordinario celebrado este venres xa lle preguntou ao alcalde polo asunto sen obter respostas concretas e restando gravidade ao mesmo.
“Consideramos que neste momento temos que respectar o traballo da Xustiza pero entendemos que é un problema que debe ser investigado por tratarse dun uso indebido de recursos públicos con fins particulares por parte do alcalde e do seu equipo. Estamos ante posibles delitos de falsidade documental, malversación de caudais públicos e suplantación de identidade, así como de coacción a funcionarios e funcionarias do Concello”, reclama.
Nesta mesma liña, insiste a voceira do grupo municipal en que o actual alcalde ten que saír a dar explicacións públicas deste e doutros asuntos. “Non sabemos aínda todas as consecuencias que pode ter para esta cidade o seu mandato, sen esquecernos da responsabilidade máxima do Partido Popular por colocalo onde está”, destaca González.
Finalmente, incide na importancia de que todos os estamentos –a sociedade, a política e a Xustiza– poidan coñecer o que realmente está pasando cunha Administración local desde a que se ten que traballar polo ben de todos os ourensáns e ourensás e non con fins particulares. “A multa do coche oficial que conduce sempre vostede, foi aboada, identificouse e quitáronlle os puntos a un funcionario municipal que non está autorizado para conducilo e que se incorporou agora a súa lista electoral”, expuxo tamén a secretaria xeral do partido en Ourense na quenda de preguntas durante o pleno municipal.