O PSDEG-PSOE DE CARTELLE PRESENTA MÁIS DE 850 FIRMAS NA DELEGACIÓN TERRITORIAL DA XUNTA PARA A “INMEDIATA” E “URXENTE” ACTUACIÓN NA PRESERVACIÓN DA TORRE DE SANDE
No escrito dirixido a directora xeral de patrimonio cultural da Xunta de Galicia, os veciños e veciñas asinantes lembran, que un ano despois de aprobarse en sesión plenaria, unha moción socialista para o arranxo urxente da Torre de Sande, “aínda nada se fixo”
Jesús Pereiras Vázquez, critica que “a pasividade e a deixadez do Partido Popular está xerando graves problemas no municipio” e afirma que “o que está acontecendo coa Torre de Sande é un exemplo máis do abandono co que o PP trata a Cartelle e a súa veciñanza”
Cartelle, 8 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle vén de presentar esta mañá na delegación territorial da Xunta de Galicia en Ourense un escrito con máis de 850 firmas de veciños e veciñas de Cartelle para a “inmediata” e “urxente” actuación na preservación do BIC da Torre de Sande. Os e as socialistas seguen, deste xeito, loitando porque se busquen solucións o “grave” estado de deterioro que presenta un dos bens patrimoniais “máis importantes” do municipio.
No escrito dirixido a directora xeral de patrimonio cultural da Xunta de Galicia e a consellería de Educación, Cultura, Formación Profesional e Universidades, os veciños e veciñas asinantes lembran, que un ano despois de aprobarse en sesión plenaria municipal, unha moción socialista para o arranxo urxente da Torre de Sande, “aínda nada se fixo”. Unha situación que segundo afirman “empeora día a día, xa que o perigo de derrubamento dos muros é cada vez maior, polo que a situación é de extrema gravidade”. Neste senso, tamén apuntan que a Torre de Sande “encabeza a Lista Vermella de patrimonio abandonado na provincia de Ourense”.

Dende o grupo municipal socialista en Cartelle denuncian que dende fai un ano “aumentaron os esbarrigamentos de partes do muro e os danos van en progresión xeométrica, ante a pasividade amosada tanto pola Xunta de Galicia, como polo Concello de Cartelle”. Ante esta situación a veciñanza de Cartelle e o PSdeG-PSOE solicitan “unha resposta urxente e contundente” e esíxenlle ao Partido Popular que “non peche os ollos e mire para outro lado namentres unha das xoias arquitectónicas do noso municipio cae a pedazos”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, critica que “a pasividade e a deixadez do Partido Popular está xerando graves problemas no municipio” e afirma que “o que está acontecendo coa Torre de Sande é un exemplo máis do abandono co que o PP trata a Cartelle e a súa veciñanza”. O candidato socialista á alcaldía de Cartelle tamén critica que “tanto BNG, como PP, a nivel municipal, non moveron un só dedo na recollida de firmas, a pesar de que tanto nós como os veciños, lles dimos traslado desta circunstancia, o que amosa a nula empatía pola situación que vive a Torre de Sande”.
Pereiras Vázquez volve a recalcar “a importancia dunha xestión pública, transparente e correcta da Torre de Sande, que permita recuperala en beneficio da veciñanza”. O voceiro socialista fai fincapé tamén “na necesidade de que o goberno municipal se poña a traballar xa pola veciñanza e deixe de darlle as costas en temas de vital importancia como son a Torre ou o plan de urbanismo” e esixe que, dado o seu deterioro “se recupere en condicións idóneas para que poida servir de referente turístico de Cartelle, xa que estamos seguros de que suporá unha importante fonte de ingresos para o municipio, pola chegada de turistas e pola creación de postos de traballo”.
Traslado da iniciativa diante da fiscalía
Os e a socialistas de Cartelle tamén estudan a posibilidade de trasladar esta iniciativa á Fiscalía, xa que segundo apuntan “podería ser constitutivo dun ilícito e merecente de apertura de dilixencias”. Neste senso subliñan que “no caso de non recibir resposta por parte da Xunta de Galicia, daremos traslado de toda esta documentación á Fiscalía para que tome as medidas oportunas ao respecto.
En vindeiros días, dende o PSdeG-PSOE de Cartelle decidirán os paso a seguir para que no caso de non recibir resposta por parte da Xunta, poñer o caso en mans da Fiscalía. Neste senso sinalan que “xa temos preparado un escrito xurídico e recompilada toda a documentación por se o PP e a Xunta seguen optando polo silencio neste tema”.