concellos INICIATIVAS

Os e as socialistas de Pereiro de Aguiar esixen a reforma integral da travesía da Derrasa

O PSDEG-PSOE DE PEREIRO DE AGUIAR ESIXE, NOVAMENTE, A REFORMA INTEGRAL DA TRAVESIA DA ESTRADA OU-0536, AO SEU PASO POLA DERRASA, PARA DAR SOLUCIÓNS “REAIS” A DITA PROBLEMÁTICA

Os e as socialistas critican os “continuos parches» levados a cabo na travesía da estrada OU-0536 na Derrasa, que supoñen un gasto considerable e que non dan solución “definitiva” aos problemas que presenta esta estrada, eixe comercial principal do municipio

Lembran, que xa no ano 2014 e no 2022, “presentamos unha iniciativa cun proxecto para a rehabilitación e reforma integral da travesía da Derrasa” e que o PP “votou en contra do proxecto”

Pereiro de Aguiar, 9 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar esixe, novamente, a reforma integral da estrada OU-0536, ao seu paso pola travesía da Derrasa. Os e as socialistas critican as “continuos parches” levadas a cabo nas continuas obras que supoñen un orzamento importante, e que non dan solución a “grave” problemática que presenta esta estrada de titularidade autonómica, ao seu paso polo núcleo de poboación da Derrasa.

Luisa Dosantos, concelleira e candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Pereiro lembra, que dende o 2014, “presentamos iniciativas, cun proxecto para a rehabilitación e reforma integral da travesía da Derrasa”. Neste proxecto, os e as socialistas pedían a “renovación das beirarrúas, a mellora da rede de saneamento, a instalación de nova iluminación na zona e de novo mobiliario urbano, unha correcta sinalización do vial, un carril-bici ata o encoro de Cachamuíña e a mellora en materia de seguridade viaria”.

Tal e como apuntan dende o PSOE de Pereiro, “o PP votou en contra no seu momento, e dende entón o noso grupo municipal vén reclamando reiteradamente a reforma integral da citada estrada e denunciando as continuas obras parciais e parches desde hai máis de 3 anos, e que debido á súa lentitude están a supoñer un trastorno importante ao comercio e veciños da zona, e que ademais, non dan unha solución definitiva aos problemas reais da travesía, supondo un gasto considerable para as arcas públicas”.

Luisa Dosantos destaca que os principais obxectivos coa reforma integral proposta polo PSOE desta estrada son «buscar a mellora da seguridade da estrada na travesía, humanizala, embelecela, apostar por unha mobilidade sostible no municipio, potenciar medios de transportes alternativos, ampliar beirarrúas, mellorar a iluminación, crear novas zonas de aparcamento, e acabar  cos continuos parcheos que tantos cartos custan».

Por último, lembran que levan anos demandando, “con urxencia” a mellora da depuradora de augas residuais da Derrasa, co fin de “mellorar a calidade das augas do río Loña e evitar verteduras”.