O PSDEG-PSOE EMPRAZA A MANUEL BALTAR A DEIXAR DE ELUDIR A ACCIÓN DA XUSTIZA CON TRETAS DILATORIAS E A ASUMIR AS RESPONSABILIDADES DOS SEUS PRESUNTOS DELITOS
«Reclamamos que, como máximo representante da Deputación, obvie artimañas deste tipo ante o novo e inminente sinalamento do xuizo penal que ten pendente», destacan os e as socialistas
«Baltar xa debería ter presentada a sua dimisión cando os feitos foron difundidos, xa que estamos ante a ocultación deliberada dunha conduta absolutamente inaceptable nunha democracia», insisten
Ourense, 9 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE empraza a Manuel Baltar a deixar de eludir a acción da xustiza con evidentes tretas dilatorias e a asumir inmediatamente as responsabilidades de presuntos delitos recoñecidos por el mesmo nunha carta coa súa sinatura.
Os e os socialistas ourensáns consideran «vergoñenta» a incomparecencia do presidente da Deputación Provincial ante a xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Puebla de Sanabria que instrúe o caso no que será acusado dun presunto delito contra a seguridade viaria, tras ser cazado a 215 km/h na autovía das Rías Baixas.
«Baltar debe asumir as súas responsabilidades penais, atendendo canto antes a chamada da xustiza, debido a que estamos ante unha perigosa conduta coa que puxo en risco a vida doutras persoas», aseveran desde o PSdeG-PSOE antes de resaltar que esta «desobediencia» das súas responsabilidades empregando estratexias dilatorias é «totalmente impropia dun representante público dunha institución tan honorable como a Deputación de Ourense».
«Reclamamos a Baltar que, como máximo representante dá Deputación, obvie artimañas deste tipo ante o novo e inminente sinalamento do xuizo penal que ten pendente», insisten tras incidir en que estas manobras «prexudican claramente á democracia e ás institucións públicas». «Pedímoslle que evite condutas que poidan prexudicar aínda máis a imaxe da institución e da provincia que representa ou a afectar á súa reputación e imaxe pública», insisten.
Desde o Grupo Provincial Socialista recordan que, a marxe da decisión da xustiza ante esta evidente conduta delitiva ao volante, José Manuel Baltar xa debería ter presentada a sua dimisión cando os feitos foron difundidos por eldiario.es, xa que estamos ante a «ocultación deliberada» dunha conduta «absolutamente inaceptable nunha democracia», conducindo temerariamente un coche oficial noutra provincia «para facer actividades que aínda non explicou un domingo». «Confunde a deputación coa súa casa», denuncian.