deportes Municipais 2023 Ourense 2023

Propoñemos crear unha tarxeta interclubs e fomentar o deporte base e feminino

O PSDEG-PSOE DE OURENSE PROPÓN A CREACIÓN DUNHA TARXETA INTERCLUBS PARA SOCIOS, FOMENTAR O DEPORTE BASE E APOIAR E VISIBILIZAR MÁIS O DEPORTE FEMININO

Coa tarxeta preténdese respaldar económicamente aos clubs, incrementar o número de socios dos mesmos e xerar un clima de afección e familiaridade desde as idades máis temperás

“Un socio inscrito en tres equipos abonaría o 70% e o Concello, o 30% restante. No caso dos socios de catro equipos farían fronte ao 65% e o Concello, ao 35%. E para aqueles que se inscriban en cinco clubs reduciríase o prezo ata o 60%”, pormenorizou Manuel Codeso

Ourense, 9 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense presentou esta mañá algunhas das súas propostas para o deporte, incluídas no programa electoral co que concorren ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Entre as iniciativas máis destacadas está a da creación dun carné interclubs para fomentar a afección a través dunha estreita colaboración entre o Concello e ditas entidades.

“É prioritario para nós recuperar o orgullo, a ilusión e a saúde no deporte ourensán que fai anos representábanos por toda España con profesionais de élite que comezaron desde abaixo, desde a base. E isto implica acompañar aos deportistas desde o inicio para que poidan acadar as súas metas”, sinalou o número once da candidatura, Manuel Codeso, adestrador do equipo Cidade As Brugas de fútbol sala.

Por este motivo, o PSdeG-PSOE de Ourense pensou na creación dun carné que permita aos socios e socias pertencer a varias entidades diferentes sen que supoña un custe desmesurado para os mesmos. “Deste xeito, un socio inscrito en tres equipos abonaría un 70% e o Concello, o 30% restante. No caso dos socios de catro equipos farían fronte ao 65% e o Concello, ao 35%. E para aqueles que se inscriban en cinco clubs reduciríase o prezo ata o 60%, encargándose a Administración local do restante”, pormenorizou.

Trataríase dunha medida transversal coa que se lograría: apoiar económicamente aos clubs, incrementar o número de socios dos mesmos e xerar un clima de afección e familiaridade desde as idades máis temperás, conseguindo que familias enteiras poidan asistir aos partidos e competicións deportivas.

Así mesmo, explicou que, tanto para a elaboración do programa electoral como nestas semanas previas á campaña das eleccións, os socialistas reuníronse con diferentes clubs que lles trasladaron as súas problemáticas e dificultades. Algunhas delas tan básicas como non dispor de instalacións adecuadas e homologadas para adestrar en condicións óptimas e seguras. “Temos que axudar para que os proxectos que xa están funcionando poidan converterse en realidades e soños cumpridos”, puntualizou Codeso.

Apoiar os deportes reis e as iniciativas que xa hai na cidade –como a carreira de San Martiño ou o Rally de Ourense– son outros dos obxectivos dos socialistas, así como potenciar o deporte feminino. “É certo que nos últimos anos foi gañando en notoriedade e visibilidade, pero aínda queda moito por facer”, subliñou.

Sobre instalacións deportivas municipais

Preguntado sobre o escaso acceso ás instalacións deportivas municipais para o adestramento de nenos e nenas de distintos clubs da cidade, o membro da candidatura contestou que o máis urxente sería organizar os horarios. “As horas máis temperás da tarde deberían ser principalmente para os practicantes do deporte base e a partir das 20.00 horas para os de idade superior”, respondeu.

“Un dos nosos principios fundamentais é o de fomentar o deporte base e para iso imos ter que aumentar tamén as instalación nas que poidan practicar. Pero dentro do que xa hai, non poden terse privilexios de uso como se fosen espazos privados”, engadiu o aspirante á alcaldía, Paco Rodríguez.

Sobre os audios de Jácome

O candidato a rexedor do PSdeG-PSOE tamén criticou a actitude de Gonzalo Pérez Jácome por non dar resposta aos audios que publican estes días os medios de comunicación e non ter dimitido xa. “Este é un tema moi grave e nós imos a presentar unha demanda nos Xulgados para que practiquen as dilixencias oportunas. Cremos que xa sobrepasamos o territorio da política e estamos dentro do xudicial”, expuxo.

“Esperemos que se actúe con dilixencia e rapidez porque non nos beneficia nada como cidade a imaxe que estamos dando. A medida que aparce máis información que afecta a varias persoas pode que isto adquira a dimensión dunha trama. Cando aparecen funcionarios e empresas polo medio podemos estar ante unha trama de consideración importante”, rematou ante os medios de comunicación.