concellos INICIATIVAS

Os e as socialistas da Peroxa reclaman saber onde están os 15 millóns prometidos para investimentos nos Peares

O PSDEG DA PEROXA RECLAMA SABER QUE FOI DOS 15 MILLÓNS DE EUROS APROBADOS POLA XUNTA PARA O PLAN ESPECIAL DE PROTECCIÓN, INFRAESTRUTURAS E DOTACIÓNS DOS PEARES

Os e as socialistas denuncian, que a día de hoxe e catro anos despois da súa aprobación por parte da Xunta e o consorcio dos Peares, “nade se sabe deses máis de 15 millóns de euros anunciados a bombo e platillo polo PP na anterior campaña electoral”

O candidato socialista á alcaldía, Toño González Fiuza, critica que “non movera un só dedo para reclamar estes importantes investimentos que afectan directamente aos Peares e ao concello da Peroxa”

A Peroxa, 11 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE da Peroxa reclama saber que foi dos 15 millóns de euros aprobados pola Xunta de Galicia para o Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións do Consorcio Local dos Peares. Os e as socialistas denuncian, que a día de hoxe e catro anos despois da súa aprobación por parte da Xunta e o consorcio dos Peares, “nade se sabe deses 15.056.857 euros anunciados a bombo e platillo polo PP na anterior campaña electoral”.

Dende o grupo municipal socialista da Peroxa lembran, que xa en 2019, o plan foi publicado no DOGA, aprobándose de maneira definitiva, pero dende aquel entón “non volvemos a ter ningunha información sobre os proxectos que se ían a levar a cabo, nin tampouco se produciu investimento algún”. Para os e as socialistas a situación “é de extrema gravidade”, xa que tal e como apuntan “os Peares esmorecen ante a pasividade e o abandono das institucións competentes”. Dentro deses 15.056.857 €, destinábanse 4.105.410 a actuacións de urbanización; 8.873.163 €, a actuacións de rehabilitación; 1.720.000 € a actuacións de nova planta e 358.284 € a actuacións de obtención de solo.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía da Peroxa, Toño González Fiuza, acusa ao candidato do Partido Popular e presidente do consorcio local dos Peares, Manuel Seoane, de “vender fume con investimentos millonarios na procura de rascar votos” e critica que, ata o día de hoxe, “non movera un só dedo para reclamar estes importantes investimentos que afectan directamente aos Peares e ao concello da Peroxa”.

González Fiuza explica que en 2019 “o PP veu aos Peares en campaña electoral a prometer un investimento millonario, algo que considerábamos unha fantástica noticia para o noso municipio, e para a veciñanza, pero catro anos despois e as portas duns novos comicios electorais, atopámonos con que eses máis de 15 millóns nin están, nin se lles espera”. O candidato socialista subliña que a veciñanza dos Peares “pregúntase constantemente que pasou con eses millóns de euros, pero só atopan a calada por resposta por parte do actual goberno municipal”.

Ante esta situación dende o PSOE da Peroxa esíxenlle á Xunta de Galicia, ao concello da Peroxa e o consorcio dos Peares que “saian a dar a cara publicamente e a explicar que pasou cos máis de 15 millóns de euros prometidos e non executados”.

Os Peares, exemplo da política de abandono e promesas incumpridas do PP

Dende o PSdeG-PSOE da Peroxa amósanse especialmente críticos coas continuas “promesas incumpridas” do Partido Popular en materia de investimentos e melloras de infraestruturas nos Peares. Aos 15 millóns de euros, aprobados e non investidos, no Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións do Consorcio Local dos Peares, súmanse outros “moitos incumprimentos”, que tal e como afirman dende o PSOE “son o exemplo da desidia e as mentiras do grupo de goberno que encabeza o candidato á alcaldía”.

Os e as socialistas poñen o foco tamén no vello centro de saúde da localidade “totalmente abandonado dende que se trasladou o centro de saúde e a oficina de correos ao edificio do consorcio, fai xa máis de 9 anos”. Dende entón, e tal e como explican dende o PSOE da Peroxa, “o edificio abandonouse por completo e foi vítima de actos vandálicos e do deterioro, sen que o concello e o alcalde, Manuel Seoane, fixeran o máis mínimo para buscar algunha solución”. Antonio González Fiuza afirma que “a súa situación supón un perigo para as persoas que pasan pola zona e a cativada, xa que a carón atópase o pavillón deportivo, que cada fin de semana congrega a ducias e ducias de persoas”.

Por se fora pouco, o grupo municipal socialista lembra a “paralización total” do proxecto de construción da residencia de maiores nos Peares, que segundo afirmou o alcalde, crearía 60 prazas e xeraría 25 postos de traballo. “A día de hoxe e dous anos despois da paralización do proxecto, non hai nin rastro da residencia, nin dos postos de traballo prometidos, sendo o único protagonista, o escurantismo e a falta de transparencia do Partido Popular”.