Eleccións locais 2023 Executiva Provincial de Ourense Municipais 2023

Iniciamos a campaña electoral dicíndolle á cidadanía que «en Ourense Hai Futuro»

O PSDEG-PSOE INICIA A CAMPAÑA ELECTORAL E DESTACA QUE NA PROVINCIA DE OURENSE “HAI FUTURO” DA MAN DUN PROXECTO, O SOCIALISTA, ENFOCADO NAS PERSOAS E NOS CONCELLOS

Os e as socialistas asumen o reto de mudar o goberno provincial e rematar con case 4 décadas de políticas “caciquís e clientelares”, poñendo fin ao “virreinato” dos Baltar, que levaron a Ourense a ocupar os “peores ránkings e índices do panorama nacional”

Dende o PSOE ourensán remarcan que o partido “vai a por todas, coa clara intención de aumentar o número de votos, de conseguir máis concelleiros e concelleiras e tamén de sumar novas alcaldías”

Ourense, 12 de maio de 2023.  O PSdeG-PSOE de Ourense inicia a súa campaña electoral, na que percorrerán cada recuncho da provincia na procura de mellorar os resultados de fai 4 anos e aumentar o número de alcaldías e conservar as actuais. O proxecto socialista estará presente nos 92 concellos da provincia de Ourense, ademais de na entidade menor de Berán e buscará o respaldo maioritario da cidadanía, centrando o foco nas persoas e en todos e cada un dos municipios que conforman Ourense.

Os e as socialistas asumen o reto de mudar o goberno provincial e rematar con case 4 décadas de políticas “caciquís, clientelares e absolutistas”, poñendo fin ao “virreinato” dos Baltar, que levaron á provincia de Ourense a ocupar os “peores ránkings e índices do panorama nacional”. Dende o PSOE afirman que saen a estas eleccións “a ganar” e que agardan contar co “respaldo maioritario da cidadanía da provincia para poder mirar ao futuro con esperanza, ilusión e con moitas ganas de traballar por esta terra”.

A executiva provincial socialista destaca que “na provincia de Ourense hai futuro, da man dun PSdeG-PSOE que presenta as mellores candidaturas, cun proxecto que aposta polo progreso, a igualdade, os servizos sociais, o coidado dos maiores, a mocidade, a mellora de infraestruturas, a constitución de rutas turísticas, o fomento da creación de micro-empresas no rural, a aposta pola eficiencia e o aforro enerxético, a revitalización cultural ou a democracia participativa”.

Un dos principais retos que afrontan os socialistas nestas eleccións municipais é o da “creación dun plan de reto demográfico, que permita fixar poboación, mediante o establecemento de medidas de atracción de capital humano e o fomento do traballo nos diferentes municipios da provincia de Ourense”. A executiva provincial subliña que “agora toca traballar e chegar a todos e cada un dos cidadáns e das cidadás da provincia, para que coñezan o proxecto socialista e aposten polo cambio, polo progreso e nos dean a súa confianza para demostrarlles que con traballo e tesón, hai futuro para Ourense”.

Dende o PSOE ourensán remarcan que o partido “vai a por todas, coa clara intención de aumentar o número de votos, de conseguir máis concelleiros e concelleiras e tamén de sumar novas alcaldías, co obxectivo manifesto de mudar o goberno provincial para que cambie o futuro de Ourense e as súas xentes”.

Fotogalería da pegada de carteis en diferentes puntos da provincia