O PSDEG-PSOE APOSTA EN CASTRELO DE MIÑO POR UN PROXECTO QUE “TRANSFORME” O TERRITORIO, “RESOLVA” OS PROBLEMAS DA VECIÑANZA E POÑA “FREO” AO DESPOBOAMENTO DUN XEITO “REAL”
Os e as socialistas, que arrancaron a súa campaña electoral en Macendo, diante de ducias de persoas, apostan por rematar coa política de empadroamentos “ficticios” con fins “electoralistas” e por un proxecto enfocado a cubrir as “necesidades esenciais” dos veciños
A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía, Catalina González, puxo o foco en que “temos unha nova oportunidade para cambiar a inoperancia pola operatividade, o desleixo pola dedicación, a despreocupación pola atención personalizada, cun goberno por e para todos e todas”
Castrelo de Miño, 13 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE aposta en Castrelo de Miño por un proxecto que “transforme” o territorio, que “potencie” as riquezas “culturais, paisaxísticas, etnográficas ou deportivas” e que “resolva” os problemas da veciñanza, pondo “freo” ao despoboamento, dun xeito “real e efectivo” e con familias que acudan a facer vida a Castrelo e “xeren” demanda doutros servizos básicos. Os e as socialistas apostan por rematar coa política de empadroamentos “ficticios” con fins “electoralistas” e por un proxecto enfocado en cubrir as “necesidades esenciais” da veciñanza.
Os e as socialistas arrancaron a campaña no centro social de Macendo, nun acto multitudinario e ao que se achegaron ducias e ducias de veciños e veciñas, que non quixeron perderse a posta de longo da candidatura do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño. No acto tamén participou a deputada no Congreso, Uxía Tizón.
A candidata socialista á alcaldía de Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, explicou que o programa elaborado polos socialistas “fará posible que Castrelo mude dun concello que perde poboación e que agoniza, a un concello con futuro para os e as que vivimos aquí e os e as que queiran vir, no que se poida vivir, desfrutar e tamén traballar”. A actual voceira dos socialistas de Castrelo sinalou que o programa electoral e o seu equipo apostan por “potenciar as infraestruturas; mellorar as estradas e a limpeza; habilitar puntos de encontro que sirvan de interacción para a veciñanza, rehabilitar as áreas infantís; apostar polos servizos sociais, cun programa pioneiro de atención aos maiores; crear un centro interxeneracional, un comedor escolar e unha bolsa de axudas económicas; adecuar os servizos municipais á xente; crear unha nova captación de bombeo no Miño para rematar cos problemas do arsénico na auga; implementar un transporte intermunicipal; ou pór en marcha un plan para frear o despoboamento e atraer familias”.
González Álvarez puxo de manifesto que “para materializar todo isto, o único que tendes que facer o 28 de maio é coller a papeleta desta candidatura e votar por nós, porque agora toca un cambio de marcha e soamente nós podemos transformar o futuro de Castrelo de Miño, convertendo este concello nun referente da comarca e da prosperidade”. Por último, a candidata do PSdeG-PSOE puxo o foco en que “temos unha nova oportunidade para cambiar a inoperancia pola operatividade, o desleixo pola dedicación, a despreocupación pola atención personalizada, un goberno duns poucos por un goberno de todos, un goberno para os que nos voten, e tamén para os que non nos voten”.




O número 2 da candidatura socialista á alcaldía de Castrelo de Miño, Nacho Rodríguez Nieves, subliñou que a candidatura do PSdeG-PSOE “está formada por xente nova, pero preparada na totalidade para gobernar na próxima lexislatura”. Neste senso, tamén fixo fincapé en que “contamos con xente capacitada en diferentes sectores que conforman o futuro do noso concello e liderada por unha muller con ampla experiencia, que coñece perfectamente as necesidades deste municipio e dos seus veciños, e que xunto co resto do equipo, mellorará a calidade de vida da veciñanza, convertendo Castrelo no concello que todos merecemos”.
Rodríguez Nieves afirmou que a partir do 28 de maio “queremos formar un goberno de contacto constante e con participación de toda a veciñanza, polo que a nosa idea é ter reunións periódicas e constantes para trasladar os nosos proxectos e facer partícipes dos mesmos aos veciños e veciñas, cunha democracia real, activa e participativa”.
Pola súa banda, a deputada no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón Vázquez, afirmou que “estamos fartas de caciquismo inútil, dunha dereita que se cree dona de Ourense, que a utiliza para os seus intereses e que a tratan como se fose de terceira”. Neste senso tamén subliñou que “merecemos moito máis ca isto e Castrelo de Miño é o exemplo dun concello que tamén merece moito máis”.
Tizón Vázquez tamén destacou que “é hora de por enriba da mesa o voso proxecto, é hora de Cata e deste marabilloso equipo, é hora de defender á xuventude, a sanidade pública, a educación e o emprego, é hora de defender os valores socialistas”. Por último, a parlamentaria socialista aproveitou para apuntar que “queremos apostar por un Castrelo de Miño cheo de ledicia, de optimismo e que mira ao futuro e non por un Castrelo en branco e negro que só mira ao pasado”.