Municipais 2023 Ourense 2023

Daremos fin ao abandono das zonas periurbanas e rurais da cidade

O PSDEG-PSOE DE OURENSE PROMETE MÁIS ATENCIÓN E RECURSOS PARA AS ZONAS PERIURBANAS E RURAIS DA CIDADE ABANDOADAS POLO GOBERNO MUNICIPAL ACTUAL

O aspirante á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, afirmou no mitin celebrado hoxe en Reza que traballará por devolverlle a dignidade á veciñanza: “Tedes moito menos do que merecedes”

“Primeiro ten que estar Ourense, despois Ourense e sempre Ourense. A cidade non pode volver a ser unha moeda de cambio para conseguir unha poltrona nunha institución”, incidiu

Ourense, 13 de maio de 2023. O aspirante á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, acudiu á asociación veciñal de Reza para comprometerse cos ourensáns e ourensás a prestar máis atención e dotar de recursos ás zonas periurbanas da cidade. “Tedes moito menos do que merecedes”, afirmou no encontro.

Durante a súa intervención incidiu en que a intención dos e das socialistas é lograr que os e as habitantes volvan a sentirse orgullosos da súa orixe e de onde viven. “Debemos poñer o acento no envellecemento da poboación. Conseguir que a xente nova queira quedar aquí e desenvolver o seu proxecto vital. Para iso hai que xerar, entre outras moitas cousas, emprego”, afirmou.

“Nesta cidade non é que empeorase a Cultura, é que arrasaron con todo. Ata o punto de que a Concellería de Cultura pasou a chamarse de Artes e Festexos. A cultura é moito máis que organizar festas”, sinalou sobre a desfeita do goberno de Jácome neste e noutros eidos.

A secretaria xeral da formación en Ourense e número dous da candidatura, Natalia González, acompañou a Rodríguez durante o acto e agradeceu á veciñanza a súa implicación na política municipal durante os últimos anos. “Pedides moito menos do que vos corresponde”, subliñou facendo memoria ás iniciativas presentadas no Concello estes últimos anos desde a oposición.

Tamén se deron a coñecer á veciñanza as integrantes da candidatura Olalla Meiriño, Rosa Rodríguez e Conchi García que son, todas elas, orixinarias de Reza.