concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Con Segundo Augusto González en Baños de Molgas, hai Futuro

O PSDEG-PSOE PRESENTA O SEU PROXECTO PARA BAÑOS DE MOLGAS, CO OBXECTIVO DE OFRECER UN “CAMBIO” DE RUMBO A UN MUNICIPIO NO QUE COA CANDIDATURA SOCIALISTAS “HAI FUTURO”

Os e as socialistas, que arrancaron a súa campaña electoral na capitalidade municipal, diante de ducias de persoas, apostan por rematar coa “desidia” e o “abandono” e por “escoitar a veciñanza, mellorar os servizos e loitar contra o despoboamento”

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía, Segundo Augusto González, puxo o foco en que o 28 de maio “tendes a posibilidade de votar por unha candidatura, cunha lista con xente capaz e motivada, para levar adiante o programa socialista para que Baños de Molgas teña futuro”

Baños de Molgas, 13 de maio de 2023.  O PSdeG-PSOE presentou o seu proxecto para Baños de Molgas, co obxectivo de ofrecer un “cambio” de rumbo a un municipio, no que coa candidatura socialista “hai futuro”. Os e as socialistas apostan por rematar co “abandono” e a “desidia” na que leva sumido Baños de Molgas nos últimos anos, cun novo goberno municipal que “mellore os servizos, escoite á veciñanza e aposte polos investimentos e por loitar contra o despoboamento”.

Os e as socialistas celebraron o seu primeiro mitin de campaña no hotel Ansuíña, ao que acudiron ducias e ducias de veciños e veciñas, que se amosaron “moi interesados” en coñecer o programa electoral do PSdeG-PSOE, así como as numerosas propostas que teñen para reverter a situación de Baños de Molgas. No acto, ademais da candidatura, encabezada por Segundo Augusto González, tamén participou a deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Baños de Molgas, Segundo Augusto González, puxo de manifesto que “esta é a única alternativa de goberno adoitada e crible para empezar a sacar a este concello do abandono no que se atopa sumido”. Neste senso afirmou que “disto van estas eleccións, de poñer fin a oito anos de desidia, de incompetencia e de abandono” e destacou que neste último mandato o PSOE “fixo unha oposición firme, pero construtiva, tentando mellorar servizos, aumentar os gastos de investimento, pero non houbo maneira”.

Segundo Augusto González explicou que o programa electoral dos socialistas aposta por “mellorar os servizos de atención á veciñanza; apostar polo futuro balneario, de capital importancia para o concello; darlle un pulo ao termalismo; aproveitar o rico patrimonio e infraestruturas e poñelas en valor; mellorar o transporte municipal; crear novas infraestruturas coma un centro de día; apoiar ás asociacións existentes e fomentar que emerxan outras novas; recuperar o legado da fundación Gómez Vidal; mellorar a cobertura telefónica e de Internet; facer de Baños de Molgas un municipio máis atractivo; axudar aos negocios existentes e atraer novos; xerar actividade coa creación de obradoiros de emprego e formación; ou elaborar uns orzamentos que reduzan os gastos correntes e incrementen os gastos que xeran actividade e investimentos”. Por último, o candidato socialista puxo o foco en que o 28 de maio “tendes a posibilidade de votar por unha candidatura que pode facer que Baños de Molgas mude, cunha lista con xente capaz e motivada para levar adiante o programa socialista para que Baños de Molgas teña futuro”.

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia polos socialistas de Ourense, Marina Ortega Otero, fixo fincapé na “importancia” de darlle un “pulo” ao goberno municipal, “despois de 8 anos nos que faltou impulso e iniciativas para Baños de Molgas”. Neste senso, a deputada socialista tamén expresou que o proxecto socialista para o municipio “é ambicioso e realista, e conta cunha candidatura sólida, unida, preparada e con moitas ganas de traballar pola veciñanza”.

Ortega Otero destacou que o PSdeG-PSOE “loitará por un termalismo de futuro, un turismo de calidade, e o dinamismo necesario para reverter a situación nun municipio afectado polo despoboamento e con necesidade dun cambio, que demostre que en Baños de Molgas, hai futuro”.  A parlamentaria socialista finalizou afirmando que “este concello precisa dun goberno municipal que aposte polas persoas, por xerar emprego, por atraer poboación, por darlle un pulo aos seus bens máis prezados e por conseguir investimentos para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.