concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Con Rafa Villarino en San Cibrao das Viñas, hai Futuro

O PSDEG-PSOE DE SAN CIBRAO APOSTA POLA ILUSIÓN DO CAMBIO NUN CONCELLO SUMIDO DENDE FAI 44 ANOS NA “TOTAL INACCIÓN” E APOSTAN POR UN MUNICIPIO “MÁIS ACTIVO, SAUDABLE, SENSIBLE COS MAIORES, A INFANCIA E A CONCILIACIÓN E EXEMPLAR”

Os e as socialistas celebraron en Soutopenedo, o primeiro dos moitos encontros previstos coa veciñanza da localidade, explicando que co seu proxecto municipal “hai futuro” para a veciñanza

Villarino agradeceu o “alento recibido e a atmosfera de cambio que se respira nos encontros coas veciñas, que agradeceron a competencia e calidade da candidatura socialista, a máis forte que se ten presentado neste concello e recolle o legado de Juan Antonio Navarro Lima”

San Cibrao das Viñas, 13 de maio de 2023.  O PSdeG-PSOE aposta en San Cibrao pola ilusión dun cambio nun concello sumido dende fai 44 anos na “total inacción”. Os e as socialistas márcanse como reto conseguir un San Cibrao “máis activo, saudable, sensible cos maiores, a infancia e a conciliación, ecolóxico e exemplar” e sinalan que ao cambio na alcaldía, acompañará un cambio na Deputación Provincial para beneficiar “como nunca” ao municipio.

Os e as socialistas de San Cibrao celebraron en Soutopenedo, o primeiro dos moitos encontros previstos coa veciñanza da localidade. Nun acto celebrado no campo da festa, ante ducias e ducias de veciños e veciñas que non dubidaron en achegarse a escoitar á candidatura socialista, o PSOE, co seu candidato, Rafa Villarino, á cabeza explicou o seu proxecto para San Cibrao e as principais liñas de actuación para demostrarlle á veciñanza que “hai futuro”.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de San Cibrao das Viñas, Rafael Rodríguez Villarino, animou á veciñanza da parroquia de Soutopenedo a votar pola candidatura do PSdeG-PSOE, “despois de 44 anos de inacción do Partido Popular”. No encontro agradeceu o “alento recibido e a atmosfera de cambio que se respira nos encontros coas veciñas e cos veciños, que agradeceron a competencia e calidade da candidatura socialista, a máis forte que se ten presentado neste concello e recolle o legado do socialista Juan Antonio Navarro Lima”.

Villarino aproveitou a súa intervención para lembrar que en San Cibrao hai neste momento tres dedicacións exclusivas “auto-asignadas” polo PP no orzamento de 2023, que ascenden a 128.127,08 € anuais e sitúan a correspondente á alcaldía nunha cantidade “só 182 euros inferior á percibida polo alcalde de Compostela, sendo o segundo concello da provincia onde o alcalde cobra o maior soldo, algo totalmente desmesurado para ás arcas municipais”.

A número 4 da candidatura socialista, Rosa Martínez Rodríguez, neta e filla de cibrenses e que pasaba os veráns no municipio, fixo fincapé en que a candidatura socialista “une e pon en valor á xuventude, o feminismo, o traballo, a ilusión o esforzo e a honradez para polos a servizo da veciñanza de San Cibrao”. A futura edil socialista afirmou que “co noso voto debemos mudar municipio que leva 40 anos nas mesmas mans e o 28 de maio temos a oportunidade de facelo, xa que San Cibrao ten os membros para logralo, nun dos concellos de maior calidade de vida, infraestruturas e desenvolvemento industrial da provincia”.

Martínez Rodríguez aproveitou tamén para falar de cultura e lembrar que “este concello sempre destacou por ter moita xente creadora, artistas, e persoas de gran prestixio a nivel provincial e galego, pero a día de hoxe, segue sen dispor nin dun auditorio, nin dunha casa da cultura”. Unha situación que segundo relatou “mudaremos o 28 de maio se contamos co respaldo maioritario da veciñanza”.

A secretaria de traballo da executiva provincial socialista, Beatriz Domínguez Blanco, sinalou, durante a súa intervención, que a candidatura socialista “está aquí para apostar pola revolución das sete S, un concello sostible, saudable, social, sen brecha de xénero, solidario, por ser un sabia-smart city, e como non, por facer políticas que garantan a vosa seguridade”. A responsable da área laboral do PSdeG-PSOE de Ourense tamén sinalou que “o PSOE goberna para todos e todas, buscando construír un futuro que fomente o ben común e a unión social, esa convivencias que as veces esquecemos”.

Domínguez Blanco sinalou que a candidatura socialista “vai coidar de vós, dos vosos e do concello e para iso teñen moitas ideas, e sobre todo, teñen moita vontade, defendendo aquelo no que creen e que sempre pasará por escoitar a todos e todas e acadar o mellor resultado”. Sobre o candidato, Rafa Villarino, afirmou que “se hai algo que o define e a súa tenacidade, o seu tesón, a capacidade infinita de traballo, os seus coñecementos, o compromiso coas persoas que representa, os esforzos por dialogar e manter a unidade e un criterio firme na defensa do que é xusto”.

A candidatura socialista incidiu “no pleno emprego; na conectividade coa cidade e dentro do concello, mediante a extensión do transporte metropolitano e o uso de taxis de lugar; a construción dun PAC nun centro sanitario integrado e de calidade, e dun Centro de Referencia Estatal, con Centro de Día e Centro de Noite para as persoas de máis idade, que axude á conciliación familiar, levando, así mesmo, un programa de apoio psicoemocional semanal a todas as parroquias”.

Asemade, os e as socialistas agradeceron que o PP tamén propoña agora, despois de tantos anos de propostas do PSdeG-PSOE, a construción dun auditorio, aínda que sexa en campaña cando o estean a facer. Finalmente, foron “moi ben” recibidas as propostas de creación dun centro de ensino de primaria e secundaria no concello, e de rexeneración e posta en valor da área da Boutureira, afectada da mesma “inacción” que o resto de áreas municipais.