concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Reparto informativo do PSdeG-PSOE polas rúas de Lobios

Lobios, 14 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE participou esta mañá nun reparto informativo polas rúas de Lobios, aproveitando a celebración da feira. Foron moitos os veciños e veciñas que escoitaron atentamente as explicacións e as aclaracións sobre o programa que a candidatura do PSdeG-PSOE presenta na vila. Cunha equipa “moi preparada” e plagada de xente moza, os e as socialistas aspiran a gañar á alcaldía de Lobios e reverter a situación do municipio.

O PSdeG-PSOE Lobios preséntase a estas eleccións co propósito de «darlle a Lobios o cambio que tanto precisa”. Neste senso, subliñan que “é necesario deixar a un lado o abandono e o desleixo que vive o noso concello e comezar a traballar por un Lobios con futuro e oportunidades, estando sempre a carón da veciñanza e facendo partícipes os veciños e as veciñas da vida diaria deste concello”.

Os e as socialistas de Lobios apostan por unha lista electoral na que a mocidade terá “o protagonismo que este concello tanto precisa”, xa que tal e como apuntan “estamos a falar dun dos municipios da Baixa Limia con máis mocidade, polo que temos que apostar por eles e darlles a oportunidade que nestes momentos non teñen. O obxectivo do PSdeG-PSOE de Lobios “é que os mozos e mozas de Lobios poidan ter un proxecto de futuro no municipio en lugar de emigrar na procura de oportunidades”.

No acto desta mañá estiveron presentes os membros e membras da candidatura do PSdeG-PSOE, encabezados polo candidato á alcaldía, Iván Rouco Ferreira. Tamén acudiron o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; así como outros cargos institucionais da comarca, como o alcalde e candidato á alcaldía de Entrimo, Ramón Alonso, e o candidato á alcaldía de Muíños, José Luis Dobaño.