Municipais 2023 Ourense 2023

Comprometémonos a abrir a mellor praza de abastos de Galicia

PACO RODRÍGUEZ COMPROMÉTESE NO PRÓXIMO MANDATO A QUE A MELLOR PRAZA DE ABASTOS DE GALICIA POIDA ABRIR POR FIN AO PÚBLICO EN OURENSE

Como consecuencia da ausencia total de xestión que practicaron o PP e DO, esta praza de abastos perdeu tres millóns de euros”, afirmou o aspirante á alcaldía polo PSdeG-PSOE

Incidiu en que sería un orgullo poder ofertar un servizo, máis aló do de mercado, no que os turistas probasen produtos do país despois de dar un paseo polo casco histórico ou bañarse nas termas

Ourense, 15 de maio de 2023. O aspirante á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, asistiu esta mañá á Praza de Abastos número 1 para anunciar o seu compromiso de abrir ao público o edificio orixinal e que tanto os e as traballadoras como os e as usuarias habituais da mesma poidan vender e mercar de novo nel. Lembrou, ademais, que o PSdeG-PSOE sempre promoveu a dinamización do comercio local e o aproveitamento dos recursos existentes, moitos deles abandonados como é o caso de ámbalas dúas prazas de abastos da cidade.

“Non debemos esquecer que o PP ten parte de culpa de que isto esté así porque gobernou catro anos en solitario e outros catro apoiando ao actual alcalde. E, como consecuencia da ausencia total de xestión que practicaron, esta praza de abastos perdeu tres millóns de euros”, indicou aos medios de comunicación diante do edificio temporal emprazado na Alameda.

Os e as socialistas consideran inaceptable que o que para outras cidades é unha oportunidade de dinamización económica e turística sexa, na terceira cidade de Galicia, un estorbo e unha carga que os dirixentes non saben xestionar. “É unha magoa que, despois do fermoso que quedou o edificio trala restauración, siga pechado e ninguén saiba que vai pasar con el e coa súa contorna, onde se colocan os e as demais comerciantes. A cidadanía ten que revolverse contra esta situación”, exhortou.

Neste senso, engadiu que o lugar onde está emprazada ofrece moitas posibilidades por ter As Burgas ao lado, malia que as termas permanezan pechadas. Tamén que sería un orgullo poder ofertar un servizo, máis aló do de mercado, no que os turistas probaran produtos do país despois de dar un paseo polo casco histórico ou bañarse nas augas termais. “Todos coñecemos lugares coma este, noutras cidades, que teñen unha dinámica marabillosa e non está escrito en ningún lado que nós non poidamos telo tamén”, afrimou o aspirante á alcaldía.

“Os cidadáns decidirán o 28 de maio que goberno queren. Nós temos moi claro que o comercio é un eixe fundamental para a economía de Ourense e se inclúe na cidade que queremos. Temos un plan de urbanismo comercial para que dunha vez por todas se abran as dúas prazas de abastos e se dinamice a economía local. Imos a traballar arreo por elo”, destacou a secretaria xeral do partido en Ourense, e número dous da lista coa que os e as socialistas concorren ás vindeiras eleccións municipais, Natalia González.