O PSDEG-PSOE DOS BLANCOS CRITICA QUE O PP LEVE COMO Nº3 DA SÚA CANDIDATURA A UNHA PERSOA CONDENADA POR MALTRATO NO ÁMBITO DOMÉSTICO E CUNHA ORDE DE AFASTAMENTO
José Manuel Barreiro Jardón foi condenado en 2019 polo Xulgado do Penal nº 1 de Ourense a 20 meses de cárcere, 3 anos de imposibilidade de acercarse a menos de 200 metros da súa vítima e 3 anos sen poder dirixirse a el por ningún tipo de medio
A candidata socialista, Emilia López, considera “indecente” e “absolutamente inaceptable nunha democracia” que un candidato cunha orde de afastamento en vigor e condenado a prisión por violencia no ámbito familiar forme parte dunhas listas electorais
Os Blancos, 15 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE dos Blancos critica que o Partido Popular leve como número de 3 na candidatura ás eleccións municipais a unha persoa condenada a prisión por un delito de lesións e maltrato no ámbito doméstico, concretamente por maltratar o seu propio pai, persoa discapacitada. José Manuel Barreiro Jardón foi condenado en 2019 en sentencia ditada polo Xulgado do Penal nº 1 de Ourense e ratificada posteriormente en 2020, pola sección nº 2 da Audiencia Provincial a 20 meses de cárcere, 3 anos de imposibilidade de acercarse a menos de 200 metros da súa vítima, 3 anos sen poder dirixirse a el por ningún tipo de medio e a inhabilitación especial para o sufraxio pasivo durante o tempo da condena.
Os e as socialistas denuncian que os populares “estiveron agardando ao cumprimento da condena para recuperar a esta persoa nas súas listas, a pesar de ser coñecedores de que a día de hoxe e no momento da celebración das eleccións o 28 de maio, aínda estará a cumprir a orde de afastamento ditada na propia sentencia, xa que vence en xuño”. Neste senso, lembran que foi o propio PP “o que expulsou a este concelleiro do grupo de goberno no momento da condena, concretamente o 31 de xullo de 2020 a través dunha moción de urxencia”, motivo polo que se preguntan “por que o recuperan agora novamente, sabendo que aínda ten en vigor unha orde de afastamento por maltrato familiar”.
A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía dos Blancos, Emilia López Blanco, destaca que os populares e o candidato á alcaldía, José Manuel Castro, “atentan contra a moral e a ética, ao permitir que un condenado por violencia no ámbito familiar, forme parte da súa lista electoral”. Neste senso, a candidata socialista fai fincapé en que “non é de recibo que unha persoa con estes antecedentes e cunha orde de afastamento en vigor, poida formar parte dunha lista electoral e defender e representar os intereses dos veciños e das veciñas dos Blancos”.
López Blanco subliña que o PP “debería apartar de forma inmediata a esta persoa das listas” e afirma que en caso de non facelo, os populares “están demostrando que non son quen nin de cumprir co seu propio código ético e de conducta e atentan contra a ética e a moral dos veciños e veciñas dos Blancos”. A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía dos Blancos considera “indecente” e “absolutamente inaceptable nunha democracia” que un candidato cunha orde de afastamento en vigor e condenado a prisión por violencia no ámbito familiar forme parte dunhas listas electorais.
Os e as socialistas fan alusión tamén a que os estatutos do Partido Popular figura que “O PP quere distinguir a súa actuación xeral por un compromiso renovado co dereito á vida, a integración e o respecto ás minorías, e a defensa e solidariedade coas vítimas da violencia en todas as súas manifestacións, así como a protección do medio ambiente.” Consideran que “non é de recibo que unha persoa condenada por agredir ao seu pai, vaia nas listas electorais, pois incumpre os propios estatutos do Partido Popular”.
Dende o PSOE dos Blancos lembran que xa fai 4 anos, nos anteriores comicios electorais, está persoa formou parte da candidatura do PP, “a sabéndoas de que se atopaba pendente de xuízo”. Unha situación que se agrava neste caso, xa que tal e como apuntan “foi condenado pola xustiza, motivo máis que suficiente para non recuperalo e non levalo nunha lista electoral”.