A ÁREA DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA QUE ESPAÑA VÉN DE RECOÑECER O TÍTULO DE BACHAREL COLOMBIANO TRALA SINATURA DUN ACORDO BILATERAL ENTRE AMBOS PAISES EN MATERIA DE EDUCACIÓN
Trala firma do Acordo Internacional, asinado o pasado 4 de maio, os estudantes de Colombia poden solicitar a admisión ás universidades españolas, sen necesidade de solicitar a homologación do bacharelato
Luís Gulín explica que “ao mesmo tempo, os cidadáns españois beneficiaranse das mesmas facilidades ao non requirirse convalidación do bacharelato, nin tampouco realizar probas de acceso ás Institucións de Educación Superior en Colombia”
Ourense, 15 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense informa, a través da secretaría provincial de migracións, que España vén de recoñecer o título de bacharel colombiano fai escasos días, trala sinatura dun acordo bilateral entre Colombia e España en materia de educación.
Trala firma do Acordo Internacional, asinado o pasado 4 de maio entre ambos países, en materia de acceso á universidade, os estudantes de Colombia poden solicitar a admisión ás universidades españolas, sen necesidade de solicitar a homologación do bacharelato español. Neste caso, e tal e como apunta o secretario de migracións do PSOE ourensán, Luís Gulín, “os veciños e as veciñas colombianas residentes en Galicia non teñen que iniciar ningún trámite, de agora en diante, ante a Consellería de Educación da Xunta de Galicia”.
O responsable da área de migracións da executiva provincial socialista tamén apunta que “ao mesmo tempo, os cidadáns españois beneficiaranse das mesmas facilidades ao non requirirse convalidación do bacharelato, nin tampouco realizar probas de acceso ás Institucións de Educación Superior en Colombia”. “Con este importante acordo facilitarase a integración da poboación colombiana no mercado laboral español”. Afirma Gulín.
Os pasos que ten que dar o cidadán colombiano son:
- Apostilar o diploma de Bacharel e o certificado dos resultados da proba Saber 11. Ambos os documentos deben estar apostilados #ante o Ministerio de Relacións Exteriores de Colombia.
- Estes documentos deben ser presentados polo estudante á Universidade Nacional de Educación a Distancia de España (UNED), organismo disposto polo Goberno de España para expedir as credenciais de acceso á universidade para estudantes en posesión de títulos de bacharel expedidos fóra de España.
- A acreditación dixital que expide a UNED permite participar nos procesos de admisión a estudos de grao na maioría das universidades en España. Este certificado está ao dispor das universidades a través da plataforma dixital UNEDasiss.
- A acreditación inclúe unha nota con cualificación mínima de 5 e máxima de 10 puntos (proba EBAU de España), a cal será calculada segundo a puntuación obtida na proba Saber 11 de Colombia, e segundo o indicado na Táboa de Equivalencias do Acordo.
- Unha vez o estudante conte coa credencial expedida pola UNED pode continuar o seu proceso de admisión en calquera universidade de España.