Mobilidade Municipais 2023 Ourense 2023

Comprometémonos a acadar un Ourense máis verde e sostible

PACO RODRÍGUEZ COMPROMÉTESE A ACADAR UN OURENSE MÁIS VERDE, LIMPO E SOSTIBLE DURANTE O VINDEIRO MANDATO

O aspirante á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE expresou o seu desexo de que a cidade camiñe cara un futuro no que se rematen os “arboricidios” cometidos nos últimos anos

“Nós imos a apostar por un Ourense para os cidadáns e cidadás. Un Ourense que poidan desfrutar e no que se reduzan as emisións e a contaminación”, engadiu no parque botánico de Montealegre

Ourense, 16 de maio de 2023. O aspirante á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE reivindicou, desde o parque botánico de Montealegre, unha Administración local que remate cos arboricidios cometidos nos últimos anos, que promova o uso da bicicleta e o transporte público e que transcorra pola senda da Axenda 2030.

“Nós imos a apostar por un Ourense para os cidadáns e cidadás. Un Ourense que poidan desfrutar e no que se reduzan as emisións e a contaminación. En definitiva, un Ourense máis confortable e verde para todos e todas”, afirmou o socialista.

Lembrou, neste senso, que o 28 de novembro de 2019 o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) foi aprobado en xunta de goberno local. E que, dende aquela data, pouco ou nada se soubo sobre as actuacións concretas que estaban previstas a curto prazo. Na memoria do mencionado plan figuraban, para o primeiro ano, medidas coma a apertura da Oficina Municipal de Mobilidade, a constitución dunha comisión de seguimento, a adhesión formal á Red de Ciudades que Caminan, a creación do Metrominuto ou a redacción da ordenanza de uso do espazo público e mellora da actual ordenanza de tráfico, entre outras.

“Estamos a tempo, de reactivar o PMUS que marcará o futuro da nosa cidade, cumprindo os compromisos recollidos no plan para este ano. E temos que licitar de xeito urxente o novo contrato do servizo de transporte urbano. Cremos, ademais, que o autobús debe ser gratuito para que á xente lle compense non desprazarse co coche”, engadiu.