San Cibrao das Viñas, 17 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE celebrou esta mañá en San Cibrao das Viñas, na urbanización do Piñeiral, un acto cultural co gallo do Día das Letras Galegas, no que participou a candidatura socialista, encabezada polo candidato á alcaldía, Rafa Villarino, así como numerosos veciños e veciñas que non quixeron perderse este acto cultural.
Os e as socialistas de San Cibrao apostan por converter o municipio, a partir do 28 de maio, nun dos «epicentros culturais da provincia», e critican a nefasta xestión cultural do Partido Popular, xa que tal e como afirman «en 44 anos que levan ao fronte do goberno de San Cibrao, non foron quen de apostar pola cultura, nin tan sequera por crear un auditorio, unha infraestrutura clave para o desenvolvemento cultural do municipio».






O candidato á alcaldía de San Cibrao das Viñas polo PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, puxo de manifesto que un municipio como este «precisa de infraestruturas que dean cabida a actos culturais e que sirvan para impulsar unha programación cultural e de ocio acorde coa poboación do municipio». Neste senso, Villarino puxo de manifesto que «o próximo 28 de maio, San Cibrao mirará ao futuro da man do PSdeG-PSOE e loitaremos porque en este municipio se constrúa un auditorio e unha casa da cultura para poder atender a demanda cultural da veciñanza».
No acto participou un saxofonista, Sander Ulloa, que interpretou varias pezas musicais galegas, incluíndo o himno galego, así como o rapsodo, José Collado Rovira, que levou a cabo un recital poético con pezas de varios creadores en galego.