Deputación de Ourense INICIATIVAS

Crearemos unha oficina da Deputación de Ourense en Bruselas para a internacionalización de proxectos

O PSDEG-PSOE CREARÁ UNHA OFICINA DA DEPUTACIÓN DE OURENSE EN BRUSELAS PARA A INTERNACIONALIZACIÓN DE PROXECTOS DE INTERESE DA PROVINCIA

Así o comunicaron esta mañá o voceiro socialista na institución provincial, Rafa Villarino; a deputada Susana Rodríguez e o politólogo, xornalista e consultor experto neste ámbito, David Alvarado

Tamén detallaron un “carrusel de proxectos fallidos” durante os últimos lustros que só serviron para “engordar o álbum de fotos persoais” de Baltar, pero que “non tiveron retorno real algún”

Ourense, 18 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE vén de anunciar que creará unha oficina da Deputación de Ourense en Bruselas –Oficina Ourense-Europa–, co fin de promover a internacionalización de proxectos e a captación de fondos públicos comunitarios, poñendo o foco especialmente nas sólidas posibilidades que ofrece a Unión Europea. Así o comunicaron esta mañá o voceiro socialista na institución provincial e candidato á alcaldía de San Cibrao, Rafa Villarino; a deputada Susana Rodríguez e o politólogo, xornalista e consultor experto neste ámbito, David Alvarado.

Arredor do 70% da lexislación europea impleméntase desde concellos e rexións de ámbito local e, por iso, no PSOE cren fundamental “visibilizar os intereses e necesidades específicas da provincia” cunha oficina que traballe “man a man” coa “actualidade política e lexislativa comunitaria de interese local”, co fin de lograr un maior proveito do entramado económico comunitario. “Queremos dotar de visibilidade á provincia e aos seus municipios e empresas, dando a coñecer e promocionando os seus activos, potencial e iniciativas”, insistiron tras repasar a “estratexia fallida” de Baltar neste ámbito

Así detallaron un carrusel de «proxectos fallidos” durante os últimos lustros que só serviron para “engordar o álbum de fotos persoais” do actual presidente, pero que “non tiveron retorno real algún” para Ourense. Entre eses fiascos, o voceiro sinalou o proxecto ‘estacións vivas’; o ‘proxecto castaña’; as estrafalarias misións comerciais con EEUU que “só serviron para gastar 70.000 euros públicos en viaxes, hoteis e paparotas” ou a falsa reunión de traballo entre Manuel Baltar e Jean-Claude Juncker, desmentida directamente polo propio expresidente da Comisión Europea.

Tamén detallaron a “inxente cantidade de recursos” que a institución ourensá acumula en forma de técnicos e técnicas de fondos europeos que, sen embargo e segundo a opinión dos e das socialistas, non logran os obxectivos máis básicos neste ámbito. “No hai máis que recordar o exemplo da desfeita do proxecto desta deputación cos fondos Edusi para mobilidade sostible foi o único excluído de todos os presentados en Galicia, fronte aos 35 millóns logrados polo resto de entidades da comunidade”, recordaron.

“A Oficina Ourense-Europa (Ou-Eu) ten como misión principal a promoción internacional da provincia de Ourense e a captación de oportunidades, nomeadamente no seo da UE”, destacaron os representantes do PSdeG-PSOE antes de resaltar que logrará este obxectivo mediante o “apoio territorial aos diferentes entes locais”, así como con accións directas “impulsando a acción internacional da Deputación de Ourense”.

Durante a presentación tamén destacaron que a oficina permitirá “constituírse en stakeholder diante das institucións comunitarias (Comisión Europea, Parlamento Europeo, Consello Europeo, Consello da UE), outros servizos e comités”, así como “establecer nexos con funcionarios europeos, axencias-delegacións-representantes doutros territorios, redes e organismos internacionais e empresas con presenza na capital”.

Igualmente, esta oficina permitirá “facer un seguimento das políticas europeas con impacto local”; “formar aos representantes electos e técnicos locais, amais de persoal das empresas, sobre o funcionamento do sistema” europeo e “ofrecer asesoramento técnico especializado para reforzar as políticas locais en materia europea e internacional”.

*David Alvarado é doutor en Ciencia Política, con ampla experiencia internacional en consultoría estratéxica, comunicación e public affairs. Desenvolveu a súa actividade profesional na rexión EMEA (Europa-Medio Oriente-África) e en Latinoamérica, mais nos últimos anos traballou en Bruselas. Tamén é coordinador académico dun máster universitario en dirección de comercio exterior e internacionalización.