O PSDEG DE CARTELLE DENUNCIA QUE O PP SEGUE PROMOVENDO “ATENTADOS” MEDIO AMBIENTAIS DEBIDO A SÚA “INACCIÓN” E “DESLEIXO”, CONVERTENDO O MUNICIPIO NUN “VERTEDOIRO”
Os e as socialistas critican a aparición dun novo vertedoiro “ilegal” na parroquia de Vilar de Vacas, e a carón da casa da tenente de alcaldesa e no que hai depositados electrodomésticos altamente contaminantes
O candidato socialista á alcaldía, Jesús Pereiras, esixe “solucións urxentes” contra os vertedoiros ilegais e apunta que “o 28 de maio, se contamos co respaldo maioritario, poremos en marcha un plan de choque que remate cos vertedoiros ilegais e limpe os nosos montes”
Cartelle, 16 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que o PP segue promovendo os “atentados” medio ambientais a base de “inacción” e “desleixo”, convertendo Cartelle nun “vertedoiro” no que o lixo se acumula en cunetas e montes ante a “pasividade” e o “abandono” do goberno municipal. Os e as socialistas critican a aparición dun novo vertedoiro “ilegal” na parroquia de Vilar de Vacas, e a carón da casa da tenente de alcaldesa.
Dende o grupo municipal socialista manifestan que a situación en Cartelle “é insostible” e afirman que os vertedoiros ilegais “seguen aumentando por todas as parroquias”, ante o que consideran “unha falla total de planificación e de medidas” por parte do equipo de goberno do Partido Popular. Nesta ocasión, dende o PSOE de Cartelle afirman que en Vilar de Vacas “apareceron numerosos electrodomésticos tirados en plena zona boscosa”, o que en palabras dos e das socialistas “supón un grave perigo de contaminación para o medio ambiente”.


O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, subliña que o goberno municipal do Partido Popular “non é consciente do grave risco que supón para o medio ambiente e para a saúde pública a proliferación destes vertedoiros”. O actual voceiro socialista, que aspira a gobernar o vindeiro 28 de maio, afirma que “Cartelle precisa dun cambio de rumbo total e de rematar con estas políticas de inacción e cos vertedoiros ilegais, que supoñen un atentado directo contra o ecosistema, o medio ambiente e a veciñanza”.
Pereiras Vázquez esíxelle aos populares que “deixen de mirar para outro lado, namentres Cartelle se converte nun vertedoiro de enseres inservibles” e pide “solucións urxentes contra a proliferación destes vertedoiros ilegais”. O candidato socialista á alcaldía de Cartelle tamén apunta que “o 28 de maio, se contamos co respaldo maioritario da veciñanza, comezaremos a transformación do noso municipio e poremos en marcha un plan de choque que remate cos vertedoiros ilegais, que castigue a aqueles e aquelas que enchen de lixo os noso montes e que devolva a calidade medio ambiental ao noso ecosistema”.
Os e as socialistas lembran que o longo deste mandato xa denunciaron en “numerosas ocasións” a proliferación de vertedoiros ilegais, e que ademais estes custáronlle algunha que outra multa ás arcas municipais. Neste senso destacan que o goberno municipal do Partido Popular “ten que pagar multas por problemas medio ambientais debido, principalmente, a súa política de inacción e de mirar para outro lado ante a presencia de lixo e materiais altamente contaminantes nos nosos montes”.