O PSDEG SINALA QUE A POBRA DE TRIVES CONTARÁ O VINDEIRO 28 DE MAIO CUN DOS “MELLORES GOBERNOS DA SÚA HISTORIA” E QUE DARÁ CONTINUIDADE AO ACTUAL PROXECTO SOCIALISTA
Os e as socialistas de Trives afirman que os últimos catro anos de goberno do PSdeG “sentaron as bases dun cambio, tanto de forma como de fondo, no que mudamos a forma de facer política municipal”
“Para seguir avanzando, configuramos un equipo de persoas sobradas de ilusión e coa seriedade, lealdade, honestidade e honradez que merece Trives”, subliñou a candidata á alcaldía, Patricia Domínguez
A Pobra de Trives, 19 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE sinala que a Pobra de Trives contará o vindeiro 28 de maio cun dos “mellores gobernos da súa historia” e destaca que da man dos e das socialistas construirase un municipio “de futuro e con futuro, no que a veciñanza se encha de orgullo e no que se poda vivir e traballar”. Os e as socialistas afirman que os últimos 4 anos de goberno dos socialistas “mudaron por completo o destino de Trives e enderezaron un barco que ía a deriva tras anos de políticas erráticas e de despilfarro”.
Os e as socialistas presentaron o seu proxecto ante ducias de veciños e veciñas que se achegaron ao auditorio Xulio Vázquez para escoitar as propostas da candidatura socialista, encabezada pola actual alcaldesa e candidata á alcaldía, Patricia Domínguez Barja. Un acto moi emotivo e que contou coa presencia do ex presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, que se achegou ata Trivés para amosar o seu apoio a actual rexedora e o seu equipo, de cara a estes comicios electorais.








A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía da Pobra de Trives, Patricia Domínguez Barja, analizou os últimos 4 anos de goberno, dos que afirmou que “sentaron as bases dun cambio, tanto de forma como de fondo, no que mudamos a forma de facer política municipal”. A actual rexedora da vila tamén puxo de manifesto que “fixemos moitísimas xestións e implicámonos ao máximo e traballamos arreo na procura do mellor para a nosa vila, nun tempo de gran dificultade”.
“Para seguir avanzando, configuramos un equipo de persoas sobradas de ilusión e coa seriedade, lealdade, honestidade e honradez que merece Trives”, subliñou Domínguez Barja, antes de apuntar que a candidatura socialista destaca pola presencia de “persoas emprendedoras, creativas, con capacidade de traballo, xenerosas, na que se combina mocidade e experiencia, e na que o compromiso con Trives está por encima de calquera outra consideración”. A candidata do PSdeG-PSOE explicou tamén que a principal achega destes últimos catro anos de goberno socialista “é a cordialidade, a amabilidade, a proximidade e a escoita permanente que marca a nosa relación coa veciñanza, con talante, moderación e sen entrar nunca en conflitos nin crispación”.
Os membros da candidatura socialista tamén quixeron lembrar que nestes 4 anos “a pesar das dificultades, tamén houbo momentos inesquecibles, froito de moito traballo, como a incorporación á Ribeira Sacra, coa que se abre un abano de oportunidades para Trives, que seremos capaces de aproveitar se contamos coa confianza maioritaria”. Neste senso, tamén destacaron que nestes 4 anos, “empeñámonos en facer de Trives un lugar onde tódalas persoas sexan ben recibidas, potenciando o turismo, o comercio ou a cultura. Un Trives con boas festas e ambiente, que nos enche de orgullo e que nos fai felices”.
Pola súa banda, o ex presidente da Xunta de Galicia, Fernando Ignacio González Laxe, aproveitou para “felicitar” a alcaldesa e o seu equipo por todos os logros conseguidos para Trives nos últimos 4 anos e destacou que a candidatura que encabeza Domínguez Barja “é o equipo perfecto para avanzar cara o futuro e para lograr de Trives, un municipio no que vivir, atraer poboación, e no que as persoas sexan o epicentro das políticas municipais”.