Eleccións locais 2023 Municipais 2023

A «imparable forza do socialismo en rede» impulsará Taboadela, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz

O PSDEG-PSOE DESTACA A IMPARABLE FORZA DUN SOCIALISMO EN REDE QUE IMPULSARÁ O FUTURO DA VECIÑANZA DE TABOADELA, SAN CIBRAO DAS VIÑAS E PADERNE DE ALLARIZ

Foi nun acto conxunto dos candidatos destes concellos en Santa Cruz da Rabeda, que contou coa actuación musical de Moiranef e coa intervención da deputada no Congreso, Uxía Tizón

Destacaron que gobernan para todos e todas os veciños e veciñas, buscando o ben común, o progreso económico e social, a equidade e a unión social

San Cibrao, 19 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE destacou hoxe a “imparable forza dun socialismo en rede” que “impulsará un futuro brillante” en municipios como Taboadela, San Cibrao das Viñas ou Paderne de Allariz e tamén de toda a provincia. Nun acto conxunto dos candidatos destes concellos en Santa Cruz da Rabeda, que contou coa actuación musical de Moiranef e coa intervención da deputada no Congreso, Uxía Tizón, os e as socialistas destacaron que gobernan para todos e todas os veciños e veciñas, buscando o ben común, o progreso económico e social, a equidade e a unión social.

O alcalde de Taboadela e candidato á reelección, Álvaro Vila, puxo o foco en que “o cambio na xestión é posible” porque “se o foi despois de 47 anos de gobernanza dun mesmo alcalde conservador en Taboadela, este cambio tamén poderá ter lugar en Paderne e San Cibrao”.

“Tras catro anos de mandato, transformamos un concello aletargado e cun descenso demográfico en caída libre, por un concello vivo, con múltiples eventos e actividades” sinalou Vila antes de lembrar a “humanización sistemática dos núcleos” que están a executar e que “devolven o esplendor que nunca deberon perder”. “Unido a unha política ambiental potente que nos permite completar o ciclo de saneamento ou a cambio de luces led no 90 % do concello, desde a candidatura socialista de Taboadela queremos un concello vivo, un concello para vivir”, insistiu.

O candidato á alcaldía de San Cibrao das Viñas e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, asegurou que presentan a candidatura “máis forte da súa historia, integrándose a propia secretaría provincial na mesma, e contando cunha ampla e acreditada experiencia de goberno que garante o progreso e o futuro deste concello”, porque “chegou o tempo de cumprir as aspiracións de San Cibrao no emprego, as comunicacións, a saúde, as persoas de máis idade, a educación, a cultura, o medio ambiente, o comercio e a seguridade, todo incumprido dende que retornou a democracia”.

Para o líder socialista queda “pouco máis dunha semana” para que “brille a democracia e o progreso” neste importante municipio da provincia. “E farao no seo do mellor partido, o único capaz de traballar en rede, que fai actos en conxunto e que está a pechar o círculo da esperanza vermella no corazón da provincia, trasladando o cambio a unha Deputación ancorada desde hai 44 anos”, insistiu.

Antonio Estévez, candidato en Paderne de Allariz, centrou a súa intervención no fomento da democracia participativa. Por iso destacou que “o máis importante é o veciño” que “ten que estar no centro dos nosos esforzos”, polo que traballarán para “lograr que o Concello atenda as necesidades de toda a veciñanza, de forma que a súa vida sexa máis cómoda”. “Convocaremos ás asociacións veciñais para que sexan elas as que recollan as necesidades das súas zonas e crearemos unha oficina do veciño, para poder axudar a realizar trámites”, anunciou Estévez.

O candidato tamén aseverou que irán “a todas as institucións ou onde faga falta” para “acadar diñeiro co fin de converter Paderne nun municipio moderno e dinámico, como xa o está a conseguir Álvaro en Taboadela”.

Pola súa banda, a deputada, Uxía Tizón, destacou o “intenso sentimento socialista para cambiar e mellorar as cousas” dos tres candidatos aos que lles augurou uns grandes éxitos o 28 de maio porque “nas vilas estamos fartos de aqueles que unicamente van rápido para o que lles interesa… pero moi despazo para mellorar os nosos pobos, o noso rural”. A parlamentaria insistiu en que “estamos fartos do caciquismo inútil” que utiliza a provincia “para os seus intereses e que nos tratan como se Ourense fose de terceira” antes de proclamar que “merecemos moito máis”.

“É hora de poñer enriba da mesa o voso proxecto. É a hora de Rafa, de Antonio e de Álvaro e dos marabillosos equipos que vos acompañan. É a hora de defender á xuventude, a sanidade pública, a educación ou o emprego”, proclamou Tizón antes de repasar os principais fitos en materia social e económica que os gobernos de PSOE sempre traen a Ourense, Galicia e España. “Queremos apostar por unas vilas e uns concellos cheos de alegría e de optimismo, que miran ao futuro, e non de branco e negro que só miran ó pasado”, remachou.