Allariz, 19 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE participou esta mañá nun reparto informativo polas rúas de Allariz, aproveitando a celebración da feira. Foron moitos os veciños e veciñas que escoitaron atentamente as explicacións e as aclaracións sobre o programa que a candidatura do PSdeG-PSOE presenta na vila. Cunha equipa “moi preparada”, os e as socialistas aspiran a lograr uns bos resultados cun “ambicioso e completo” proxecto que permita mellorar a calidade de vida e o día a día da veciñanza de Allariz.












O PSdeG-PSOE Allariz preséntase a estas eleccións co propósito de apostar polo rural co obxectivo de “rematar co esmorecemento demográfico e patrimonial dos núcleos de poboación que non son a capitalidade municipal”. Neste senso apuntan que “cómpre manter a calidade de vida acadada dende hai anos na vila e traballar con honestidade para conseguir que todo o concello goce duns mínimos estándares cualitativos, sen perder a súa esencia eminentemente rural”.
A candidata socialista, María Elena Peaguda, aproveitou para conversar coa veciñanza e explicarlles que «hai que conservar o acadado ata o momento, nomeadamente porque supón un grande activo económico procedente do turismo, pero tamén é fundamental afrontar o futuro potenciando a calidade de vida en todo o territorio e contribuír a que novos veciños e veciñas se interesen por habitar a periferia e o rural con tódalas vantaxes que posúen e respectando a súa esencia».