concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Con Germán García-Ávila, máis Viana é posible

O PSDEG PRESENTA UN EQUIPO “CON CAPACIDADE, ILUSIÓN E MOITAS GANAS” E CO CLARO OBXECTIVO DE QUE “MÁIS VIANA É POSIBLE” DA MAN DE GERMÁN GARCÍA-ARIAS E O SEU EQUIPO

Os e as socialistas de Viana piden unha oportunidade, que outros tiveron xa e non souberon aproveitar “para loitar por unha Viana mellor, con futuro para os nosos fillos”, unha oportunidade para “máis Viana, máis servizos, máis xente, máis ledicia e máis sorrisos”

O candidato, Germán García-Ávila Germán, afirmou que a candidatura “conta cun grupo de persoas novas, mesturados con xente con experiencia e que están dispostas a dar o mellor de si para servir á veciñanza con fidelidade ás siglas e ao proxecto que presentamos”

Viana do Bolo, 20 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE presenta un equipo “con capacidade, ilusión e moitas ganas”  e co claro obxectivo de que “máis Viana é posible” da man da candidatura socialista que encabeza Germán García-Ávila. Os e as socialistas de Viana piden unha oportunidade, que outros tiveron xa e non souberon aproveitar “para loitar por unha Viana mellor, con futuro para os nosos fillos”, unha oportunidade para “máis Viana, máis servizos, máis xente, máis ledicia, para un lugar mellor para vivir e cheo de sorrisos”.

Centos de veciños e veciñas de Viana do Bolo non quixeron perderse un acto no que as e os socialistas analizaron o seu programa electoral e explicaron aos e ás asistentes a súa folla de ruta. O cabeza de lista, Germán García-Ávila e o seu equipo estiveron arroupados pola deputada, Uxía Tizón; o senador, Miguel Bautista; o alcalde do Barco, Alfredo García e a número 2 da candidatura socialista na cidade de Ourense, Natalia González.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, afirmou que a candidatura para as eleccións municipais “conta cun grupo de persoas novas, mesturados con xente con experiencia e que están dispostas a dar o mellor de si para servir á veciñanza con fidelidade ás siglas e ao proxecto que presentamos”. O cabeza de lista socialista considera que “temos que ser capaces de que os plenos sexan un lugar de encontro, de debates de propostas que favorezan á veciñanza, e non un lugar de liortas e insultos, xa que respectándonos e xuntos, non hai dúbida de que Viana do Bolo recuperará o prestixio e o progreso que merece”.

Germán García Ávila analizou polo miúdo o seu programa electoral, no que segundo manifestou destacan varios obxectivos primordiais como son “ a construción dun centro de día, fundamental para os maiores; a creación de varios aparcadoiros para solucionar os problemas de estacionamento na vila; a construción dun paseo a carón do encoro; a creación dun albergue para solucionar os problemas de hospedaxe; a creación dunha brigada municipal para a limpeza e mantemento de tódolos núcleos de poboación; a creación dunha oficina de turismo na vila e a dinamización do sector; a aposta polo deporte; ou a dinamización e promoción dos diferentes sectores primarios”. Por último, subliñou que co PSdeG-PSOE “máis Viana é posible”.

A deputada no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón Vázquez, fixo alusión durante a súa intervención ao “caciquismo inútil”, dunha dereita que segundo afirmou “crese dona de Ourense, utilizando o público para os seus intereses e tratando á veciñanza como se fose de terceira categoría”.  Neste senso, a parlamentaria socialista afirmou que “é hora de defender os valores socialistas, que non son outros que os valores da cidadanía, de apostar por unha Viana do Bolo chea de ledicia, de optimismo e que mira ao futuro”.

O senador, Miguel Bautista Carballo, afirmou que “este 28 de maio imos encher as urnas de votos para rematar coa parálise que vive Viana do Bolo, e para acabar demostrarlle á veciñanza que con Germán García-Ávila e o seu equipo, máis Viana é posible”. O petinés tamén subliñou que “loitaremos contra o despoboamento, contra os recortes sanitarios e seguiremos pelexando por acadar investimentos para Viana do Bolo e para toda a comarca, porque os e as socialistas apostamos polas persoas e por esta terra”.

O actual alcalde do Barco e candidato á reelección, Alfredo García Rodríguez, apuntou que os e as socialistas “levamos no noso ADN as políticas municipais de proximidade, de pór no centro do mapa de traballo aos veciños e veciñas”. O rexedor socialista tamén subliñou que a primeira condición para presentarse a alcalde “é querer a túa terra, saber o que lle fai falta ao municipio e resolver os problemas cotiás da veciñanza, medidas imprescindibles, que Germán cumpre de forma idónea”.

Por último a secretaria xeral dos socialistas na cidade de Ourense, Natalia González Beneitez, vianesa de nacemento, fixo fincapé en que “temos que apostar por un proxecto enfocado nas persoas e que reforce o noso orgullo pola nosa terra, cun goberno digno e que coide os intereses dos veciños e veciñas do noso municipio”. A número 2 da candidatura socialista na cidade afirmou tamén que Viana do Bolo “precisa dun goberno que estea a altura e sen dúbidas o único proxecto posible para o presente e futuro do concello, non é outro que o que encabeza Germán García”.