PELETEIRO DESTACA EN PUNXÍN QUE É CLAVE VOTAR AO PARTIDO SOCIALISTA PARA QUE O CAMBIO SEXA REALIDADE CO FIN DE CONSTRUIR UN PRESENTE E UN FUTURO MELLOR
Nun acto no colexio no que participaron a candidata á alcaldía, Lorena Peleteiro, e a deputada autonómica, Marina Ortega, salientaron a relevancia de contar cuns servizos sociais municipais consolidados
Tamén destacaron a importancia de construír “un presente e un futuro mellor” cunha xestión baseada na honestidade, equidade, responsabilidade e no traballo en equipo
Punxín, 21 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE vén de destacar en Punxín como os concellos gobernados pola esquerda prosperan porque neles hai futuro, fronte aos municipios en mans da dereita, ancorados no pasado e nun inmobilismo desilusionante. Nun acto no colexio no que participaron a candidata á alcaldía, Lorena Peleteiro, e a deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, os e as socialistas tamén salientaron a relevancia de contar cuns servizos sociais municipais consolidados que non deixen a ninguén atrás e a importancia de construír “un presente e un futuro mellor” cunha xestión baseada na honestidade, equidade, responsabilidade e no traballo en equipo.
A candidata, Lorena Peleteiro, quixo deixar claro que “é o momento dun goberno que traballe pola nosa sanidade, pola nosa educación, pola nosa xente, polos nosos pobos”, que traballe “en definitiva por Punxín”. “É momento de rematar coa desidia e co abandono que estamos a sufrir”, declarou ante as veciñas e os veciños tras salientar que “é clave votar ao Partido Socialista para que o cambio sexa realidade” tamén neste concello porque “todo voto que non sexa para o PSOE, será un voto para un goberno de continuidade do PP”.






Peleteiro tamén anunciou que “mellorarán os servizos socias, cunha mellor organización do Servizo de Axuda no Fogar, e co incremento da carta de servizos, informando á veciñanza dos servizos dos que dispón”. Igualmente insistiu na importancia das infraestruturas, polo que elaborarán “un plan de mellora de estradas municipais”, acabando co “abandono actual”.
“Nestes comicios municipaos é sabido que o PSdeG-PSOE debe ser a referencia en Punxín, ante un PP que permanece instalado no pasado e no inmobilismo”, insisten os e as socialistas, antes de recordar unha vez máis que “o Partido Socialista é a formación política con máis historia e experiencia de España, e un dos que posúe maior tradición municipalista no mundo”.
O PSdeG-PSOE de Punxín en Ourense preséntase como unha alternativa “sólida e necesaria” para poñer fin ao actual goberno do Partido Popular, cunha xestión que amosa claros signos de estancamento e falta de resposta ás necesidades da comunidade. O PSOE ofrece unha visión “fresca e renovada” para o goberno, con amplas propostas para mellorar a calidade de vida, impulsar o desenvolvemento económico e social de Punxín e para fomentar a participación de toda a veciñanza das vilas na toma de decisións.
O “enfoque centrado no benestar social e no progreso sostible é o que Punxín necesita para avanzar cara a un futuro máis próspero e equitativo”, aseguran desde o PSOE antes de remachar asegurando que “é momento dun cambio que traia consigo unha nova visión de goberno e unha xestión baseada na honestidade, na equidade, na responsabilidade e no traballo en equipo para construír un presente e un futuro mellor”.