O PSDEG APOSTA POLO CAMBIO EN LEIRO E POR UNHAS POLÍTICAS MUNICIPAIS QUE BENEFICIEN A “TODOS E TODAS E NON SÓ A UNS POUCOS” E POÑAN FIN A 30 ANOS DE “RETROCESO E DECLIVE”
Os e as socialistas avogan polo desenvolvemento económico, polo emprego, pola mocidade e polos maiores, co obxectivo “dun futuro” para Leiro e as súas xentes
O candidato, Pedro José González, afirmou que os e as socialistas “apostamos por outro xeito de facer as cousas e creemos que chegou o momento do cambio, un cambio que non se pode levar a cabo sen o voso apoio, polo que o 28 de maio precisamos contar co voso voto para conseguir, dunha vez por todas, que en Leiro haxa futuro”
Leiro, 21 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE aposta polo cambio en Leiro e por unhas políticas municipais que beneficien a “todos e todas e non só a uns poucos” e que poñan fina 30 anos de goberno do PP, nos que o “retroceso e o declive foron a tónica xeral do municipio”. Os e as socialistas avogan polo desenvolvemento económico, polo emprego, pola mocidade e polos maiores, co obxectivo “dun futuro” para Leiro e as súas xentes.
As antigas instalacións do cámping de Leiro, un dos exemplos máis notorios do “abandono” e “decadencia” que vive o municipio, foron testemuña do acto central de campaña dos e das socialistas de Leiro. Ata aló se desprazaron ducias e ducias de veciños e veciñas que non quixeron perder a oportunidade de escoitar o proxecto que o PSdeG-PSOE ten para a municipio da man dunha candidatura “forte, ilusionada e con moitas ganas de traballar a prol da veciñanza” e encabezada por Pedro José González, que asume por primeira vez o reto de ser o cabeza de lista nas eleccións autonómicas do vindeiro 28 de maio.









O candidato do PSdeG-PSOE, Pedro José González, sinalou durante a súa intervención que “temos un concello que é o resultado de 30 anos de goberno do PP, no que Leiro foi a menos, perdendo poboación, negocios, transporte público e servizos”. Neste senso afirmou que os e as socialistas “apostamos por outro xeito de facer as cousas e creemos que chegou o momento do cambio, un cambio que non se pode levar a cabo sen o voso apoio, polo que o 28 de maio precisamos contar co voso voto para conseguir, dunha vez por todas, que en Leiro haxa futuro”.
O cabeza de lista do PSdeG-PSOE aproveitou tamén para presentar o seu programa electoral, incidindo no que considera os puntos “claves” para reverter a situación de Leiro e transformar o municipio. Pedro José González puxo de manifesto que os e as socialistas centraranse a partir do 28 de maio en “apostar pola accesibilidade á vivenda, coa promoción de vivendas sociais e a rehabilitación; en potenciar o turismo, co apoio ao Camiño Xacobeo, a recuperación do cámping, o acondicionamento da praia fluvial e o impulso dos recursos patrimoniais, etnográficos e medio ambientais do municipio; en que os servizos de asistencia no fogar chegue a toda a veciñanza; pola mellora das estradas e activación dun bono taxi; polo aforro enerxético; ou pola mellora dos servizos públicos como a xestión, da auga e o lixo ou mantemento de parques e zonas de lecer”.
Manuel Rodríguez Vázquez, actual voceiro socialista no Concello e número 2 da candidatura, fixo fincapé en que a veciñanza de Leiro “ten todo o dereito do mundo a saber como e quen xestiona os recursos públicos, ocultos baixo o paraugas da privatización e a delegación de competencia municipais”. O líder dos socialistas de Leiro nas últimas lexislaturas fixo balance do traballo feito, destacando que nos últimos 8 anos “presentamos máis de 60 iniciativas, que na súa maioría foron rexeitadas polo Partido Popular, a pesar de que recollían o sentir da veciñanza e a necesidade de mellorar o seu benestar e as aceptadas, non foron executadas”.
Rodríguez Vázquez agradeceu á veciñanza e aos compañeiros o seu “apoio” ao longo dos anos e puxo de manifesto que “agora ábrese unha nova etapa da man de Pedro, que coñece o traballo realizado e ao que non lle van a faltar apoios, pois aquí estamos os teus compañeiros para loitar o teu lado e por en valor este novo proxecto e esta nova forma de xestionar o concello”.
Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega Otero, puxo o foco na situación da sanidade pública en municipios como o de Leiro “no que os recortes, o desmantelamento e a precarización está afectando á veciñanza deste municipio e impedíndolles gozar duns servizos públicos, dignos e de calidade”. A parlamentaria socialista tampouco se esqueceu dos problemas demográficos e sinalou que “Leiro precisa dun goberno socialista que aposte por reter e atraer poboación e por políticas que permitan fixar emprego e que as familias poidan facer a súa vida en Leiro, sen necesidade de buscar un futuro noutros territorios”.
Ortega Otero tamén subliñou a “importancia” do rural, afirmando que “é aquí precisamente, onde as políticas tocan directamente ás persoas, é aquí onde pomos nome e apelidos a nosa veciñanza, a que coñecemos de preto, e onde visualizamos en toda a súa plenitude as debilidades ou fortalezas da administración”.