O PSDEG CELEBRA QUE O PP RECÚE E ANUNCIE QUE FINALMENTE A COMUNIDADE MUSULMÁ DE OURENSE PODERÁ ENTERRAR AOS SEUS SERES QUERIDOS DIGNAMENTE E SEGUINDO AS SÚAS TRADICIÓNS
Os e as socialistas lembran, que hai escasos meses, presentaron unha iniciativa na Deputación Provincial para esixir a creación dun cemiterio multicultural na provincia e atopáronse coa negativa do PP
“A moción foi rexeitada no seu momento polo PP de Ourense, que agora terá que explicar este cambio de 180 graos a pedimento de Rueda”, explica o secretario provincia de migracións, Luís Gulín
Ourense, 22 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra que o Partido Popular recúe e anuncie que finalmente a comunidade musulmá de Ourense poderá enterrar aos seus seres queridos dignamente segundo as súas crenzas relixiosas. A Xunta de Galicia anunciou esta fin de semana esta decisión, tras anos de reclamacións dos e das socialistas ourensáns que segundo sinalan “cumpre por fin cunha débeda histórica”.
Tal e como apuntan dende o PSOE ourensán “levamos moitos anos reclamando e esixindo a modificación da normativa vixente de sanidade mortuoria, que data do ano 2014”. Os e as socialistas afirman que ao longo dos últimos anos “escoitamos e atendemos as peticións da comunidade musulmá de Ourense, en especial a marroquí de Xinzo de Limia e tamén as suxestións da comunidade senegalesa da cidade e provincia”. Neste senso, tamén subliñan que “moitas das persoas que seguen a relixión musulmá na nosa provincia, xa son galegas de nacemento e con nacionalidade española”.
Os e as socialistas lembran, que hai escasos meses, presentaron unha iniciativa na Deputación Provincial para esixir a creación dun cemiterio multicultural na provincia. “A moción foi rexeitada no seu momento polo PP de Ourense, que agora terá que explicar este cambio de 180 graos a pedimento do seu presidente, Alfonso Rueda”, explica o secretario provincia de migracións, Luís Gulín.
“O PSdeG-PSOE de Ourense sempre defendeu que o mellor camiño para a integración da comunidade musulmá é a súa participación na vida social e política en plena igualdade de dereitos, respectando e aplicando a Lei de Liberdade Relixiosa do ano 1980”, destaca o responsable de migracións da executiva provincial dos socialistas ourensáns. Gulín tamén fai fincapé en que “ao fin conseguiuse a modificación do decreto e os veciños e as veciñas musulmáns de Ourense xa non terán que facer colectas para cubrir os gastos repatriación ou asumir primas especiais de seguros de decesos para facer fronte a estas situacións”.
“Queda pendente agora o ámbito da educación onde a comunidade musulmá demanda a aplicación dos currículos de ensino de relixión islámica a nivel de infantil, primaria, secundaria e bacharelato tal como está recollido no BOE, segundo os principios constitucionais vixentes, con perspectiva de xénero e defendendo a igualdade e os dereitos das mulleres”, finaliza Luís Gulín.