concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Con José Benito Souto en Vilar de Barrio, hai Futuro

O PSDEG-PSOE AFIRMA QUE A CANDIDATURA SOCIALISTA DE VILAR DE BARRIO ASPIRA A GOBERNAR O MUNICIPIO, COAS PERSOAS COMO EIXO “FUNDAMENTAL” DAS POLÍTICAS MUNICIPAIS

Os e as socialistas sinalan que o a candidatura do PSdeG-PSOE “é a única opción para ter un goberno sólido e de futuro, que permita ao concello avanzar e non retroceder”

“Traballarei desinteresadamente por este concello se o 28 de maio me dades o voso apoio maioritario” afirmou o candidato, José Benito Souto, que apuntou que “veño traballar a prol da veciñanza”

Vilar de Barrio, 20 de maio de 2023.  O PSdeG-PSOE afirmar que a candidatura socialista de Vilar de Barrio aspira a gobernar un municipio no que a veciñanza ten que ser o eixo “fundamental” das políticas municipais. Os e as socialistas sinalan que o PSOE “é a única opción para ter un goberno sólido e de futuro, que permita ao concello avanzar e non retroceder”.

O local social de Arnuide foi o punto escollido para o acto central de campaña do día dos e das socialistas de Vilar de Barrio. Ducias de veciños e veciñas achegáronse para escoitar ao candidato socialista, á alcaldía, José Benito Souto Novo, que estivo arroupado polo seu equipo, ademais de pola deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega; e polo ex alcalde de Maside e director do SEPE, Celso Fernández.

O candidato socialista á alcaldía de Vilar de Barrio, José Benito Souto, destacou durante a súa intervención que “hai xa anos que dixen que se algún día me prexubilaba, gustaríame formar parte das listas do PSdeG-PSOE no noso concello, e aquí estou, loitando cunha xente que me acompaña, e da que estou moi orgulloso”. O cabeza de lista do PSdeG-PSOE no municipio tamén puxo de manifesto que “traballarei desinteresadamente por este concello e se o 28 de maio me dades o voso apoio maioritario, fareino sen un salario a conta das arcas municipais, xa que non veño a vivir da política, senón a traballar a prol da veciñanza”.

Souto analizou polo miúdo o programa electoral, un programa “ambicioso” e co que os e as socialistas buscan que en Vilar de Barrio “haxa futuro”. Entre os eixos fundamentais, o candidato socialista destacou “o apoio ao sector agrícola e gandeiro, motor deste concello e agora esquecido; o impulso do sector industrial e de infraestruturas e servizos, que nos permitan atraer empresas; a atención especializada para aos maiores, coa creación dun centro de día ou residencia; o fomento da natalidade; ou a mellora das infraestruturas e servizos municipais”.

O PSdeG-PSOE de Vilar de Barrio tamén sinala como puntos “clave” para o desenvolvemento do municipio “a instalación total de fibra óptica; a promoción do camiño de Santiago; a defensa dos espazos naturais e do ecosistema; a promoción de festas patrimoniais gastronómicas e de lecer; ou a apertura do concello á veciñanza para poder escoitala como merece e buscar solucións aos problemas que nos trasladen”.

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, aproveitou a súa intervención para reclamar unha sanidade “pública de calidade e proximidade para a veciñanza” e acusou ao goberno galego do Partido Popular de “vender a lei de demografía a bombo e platillo e con moito marketing, pero que non serve para nada se realmente non se blindan servizos básicos no rural como a sanidade, a educación e os servizos sociais”. Neste senso, a parlamentaria socialista subliñou que “é no rural onde as políticas tocan directamente ás persoas, é aí onde pomos nome e apelidos ás políticas que facemos a gran nivel, pomos tamén nome e apelidos a nosa veciñanza, a que coñecemos de preto, e onde visualizamos en toda a súa plenitude as debilidades ou fortalezas da administración”.

Por último, o ex alcalde de Maside, Celso Fernández López, lembrou os seus anos como rexedor e afirmou que “é na política municipal, onde o contacto diario coas persoas, escoitando á veciñanza, se fai imprescindible para poder desenvolver un proxecto de presente e futuro para un municipio”. O actual director do SEPE destacou que a candidatura socialista de Vilar de Barrio “está pensada para poñer ás persoas no foco e para demostrarlle á veciñanza que da man do PSdeG-PSOE hai futuro”.