concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Reparto informativo do PSdeG-PSOE en Paderne de Allariz

Paderne de Allariz, 22 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE vén de participar na tarde de hoxe nun reparto informativo por diferentes núcleos de poboación do municipio de Paderne de Allariz. O candidato á alcaldía, Antonio Estévez Blanco, e a súa candidatura recibiron o apoio da deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega; e do deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, e aproveitaron para visitar aos veciños e ás veciñas e escoitar atentamente as súas demandas e peticións, tras anos de «desidia e desleixo» dos gobernos do Partido Popular.

O candidato á alcaldía de Paderne polo PSdeG-PSOE, Antonio Estévez Blanco, aproveitou para explicarlle á veciñanza o seu proxecto de futuro para o municipio, algunhas ideas e o programa electoral co que os e as socialistas se presentan a estes comicios electorais.

O candidato socialista aproveitou este reparto para centrar o seu discurso no fomento da democracia participativa. Por iso destacou que “o máis importante é o veciño” que “ten que estar no centro dos nosos esforzos”, polo que traballarán para “lograr que o Concello atenda as necesidades de toda a veciñanza, de forma que a súa vida sexa máis cómoda”. “Convocaremos ás asociacións veciñais para que sexan elas as que recollan as necesidades das súas zonas e crearemos unha oficina do veciño, para poder axudar a realizar trámites”, anunciou Estévez aos veciños e veciñas de Paderne de Allariz.