concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Reparto informativo do PSdeG-PSOE en Xunqueira de Espadanedo

Xunqueira de Espadanedo, 22 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE participou no día de hoxe nun reparto informativo polos diferentes núcleos de poboación de Xunqueira de Espadanedo. O candidato á alcaldía, Gustavo Hermida, e a súa candidatura recibiron a visita da deputada no Congreso, Uxía Tizón e aproveitaron para conversar coa veciñanza, trasladarlles o seu modelo de goberno a partir do 28 de maio e escoitar as numerosas suxestións e reclamacións dos veciños e veciñas, que amosaron o seu «descontento» co actual goberno do Partido Popular.

O candidato á alcaldía de Xunqueira de Espadanedo polo PSdeG-PSOE, Gustavo Hermida, explicoulle á veciñanza que aposta por un proxecto que «sexa alternativa de futuro, baseado na experiencia e cun equipo comprometido que permita que o noso concello avance». O cabeza de lista dos socialistas subliñou que «é necesario que unamos forzas e que este domingo votemos por unha candidatura que é a única opción política que ten como eixo do seu programa buscar solucións aos problemas cotiás da veciñanza, e que traballará día a día con ese obxectivo».

«Presentamos un programa ambicioso, destacando a creación dun centro de día ou residencia para mellorar a atención especializada para os nosos maiores; a apertura dunha gardería para os máis cativos e que na actualidade se atopa inxustificablemente pechada; traballaremos por un transporte público de calidade para mellorar as comunicacións coa cidade e con outros concellos, un servizo tan demandado pola veciñanza e que precisa de atención urxente» apuntou Hermida.

O PSdeG-PSOE ten claro que «chegou momento de rematar coa desidia e co abandono que estamos a sufrir. Xunqueira de Espadanedo merece máis».