Municipais 2023 termalismo

Apostamos por un bulevar termal para mellorar a vida dos ourensáns e ourensás

O PSDEG-PSOE DE OURENSE APOSTA POR UN BULEVAR TERMAL PARA ATRAER TURISMO PERO TAMÉN PARA MELLORAR A CALIDADE DE VIDA DA CIDADANÍA

O delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu da importancia de que os progresistas acudan a votar ás urnas para que proxectos coma este poidan saír a diante

“O bulevar foi ideado durante o último goberno socialista que tivo a cidade, no ano 2011, e de levalo a cabo mudarían por completo as beiras do río Miño”, sinalou o candidato a rexedor, Paco Rodríguez

Ourense, 23 de maio de 2023. O delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, e o aspirante á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, percorreron a contorna das termas de Outariz para explicar e coñecer sobre o terreo o que será parte do bulevar termal proxectado para a cidade no caso de adquirir a confianza dos ourensáns e ourensás o vindeiro domingo nas urnas.

Durante o paseo, o candidato a rexedor sinalou que actualmente existen fondos da Unión Europea nos que o proxecto podería ter cabida, impulsando así un mellor e máis rápido desenvolvemento do mesmo. “O bulevar foi ideado durante o último goberno socialista que tivo a cidade, no ano 2011, e de levalo a cabo mudarían por completo as beiras do río Miño e a zona termal”, sinalou Rodríguez ante os medios de comunicación.

“Aínda estamos esperando resposta da Xunta de Galicia á proposta que plantexamos hai unas semanas para crear un consorcio interinstitucional, entre ámbalas dúas administración, para recuperar e impulsar o que debería ser o futuro do termalismo en Ourense”, destacou sobre a iniciativa que se sumaría á presentada hoxe.

A modificación desta zona permitirá transformar a actual vía rápida que transcorre paralela ao río, entre Eirasvedras e antiga estación de autobuses, nun gran paseo peonil axardinado con espazo propio para o tránsito de bicicletas; novos parques e zonas de esparexemento; estacionamentos para dar servizo ás pozas e un espazo para a circulación restrinxida de turismos.

“O obxectivo é mudar todos os terreos que discorren dende onde nos atopamos ata o campo da feira, con amplas áreas de aparcadoiro e instalacións pensadas para o lecer dos turistas pero tamén dos ourensáns e ourensás. Porque sempre dicimos que o potencial da cidade para medrar neste sector é increíble. Pero, por outro lado, a cidade nunca debe deixar de ser un lugar para uso e goce dos seus habitantes”, puntualizou o candidato a rexedor.

Parte das actuacións faríanse obtendo fondos da administración autonómica, estatal e europea pero tamén aportando un orzamento inicial por parte do Concello de 10 millóns de euros. Así mesmo, Paco Rodríguez recoñeceu que non se entende a situación de abandono actual das termas e a pouca inversión realizada nelas nos últimos anos toda vez que Ourense é a porta de entrada da Alta Velocidade a Galicia e o número de visitantes aumentou considerablemente.

“O que anunciamos é para poñer fin a este desorde e desprestixio que se está a vivir aquí e que non axuda, en absoluto, á provincia, á comarca, á cidade e a Galicia”, sinalou o delegado do Goberno. E engadiu que a candidatura e o proxecto no que se traballou para concorrer ás eleccións do domingo suporán un salto cualitativo no benestar da cidadanía se esta así o desexa. “Apelo ao voto dos progresistas de Ourense porque temos constancia de que o PP ten mobilizado aos seus votantes e nós debemos facer o mesmo para que os nosos no se durman e o luns non teñan que lamentar outro pesadelo e pasar páxina de tantos anos de senrazón e desprestixio”, finalizou Besteiro.