O PSDEG-PSOE DE OURENSE LANZA UNHA CAMPAÑA PARA PARA DAR A COÑECER Á VECIÑANZA QUE VOTAR A UN ALCALDE DO PP, SUPÓN VOTAR TAMÉN A CONTINUIDADE BALTAR NA DEPUTACIÓN
No vídeo, un home e unha muller conversan nunha marquesiña sobre que os votos para un alcalde do PP tamén son votos para Baltar, xusto antes de que un coche pase diante deles a toda velocidade
“É un chamamento á reflexión e a confrontar os feitos ante as mentiras, o caciquismo e os presuntos delincuentes e tamén a facer fronte ao atraso das institucións en mans da dereita” explican
Ourense, 24 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de por en marcha unha campaña baixo o claim ‘Pénsao ben o 28 maio’, na que explica a importancia de dar a coñecer á toda a veciñanza que votar ao alcalde do PP do seu municipio, supón votar tamén a continuidade de Manuel Baltar á fronte da presidencia da Deputación Provincial. Os e as socialistas destacan que “votar ao Partido Popular en calquera concello, é votar a Baltar. Votar ao PP, é votar aos que infrinxen as leis e delinquen. Votar aos populares, é votar aos que poñen en risco a vida dos demais cunha condución temeraria”.
Na secuencia pode apreciarse como un veciño e unha veciña conversan nunha marquesiña da Deputación de Ourense, rodeada de publicidade electoral para os comicios locais, mentres agardan un autobús da Xunta de Galicia que nunca chega a pasar. Durante este encontro casual, Pepe senta no banco mentres explica a María que “anda pouco a pouco”, xusto antes de que a muller lle pregunte por un papel que leva na man.
“Isto é o que me deron para as eleccións”, replica o home axitando un sobre cun voto do PP, ante o que muller pregunta se “xa sabe a quen votará” o próximo domingo. “Aos de sempre”, responde Pepe, o que provoca a sorpresa de María, que o interpela de novo para preguntarlle se vai votar ao Partido Popular. “E que máis da Xan ca Pericán” responde o veciño ante o que a veciña replica de novo recordando que “se vota ao PP, vota a Baltar”.
“Eu a quen vou votar é ao meu alcalde”, insiste o home moi estrañado, antes de que María aclare novamente que “os votos do teu alcalde van tamén para a Deputación”. “Non me amoles”, exclama sorprendido Pepe, tralo que María lle asegura que “é o que hai” co actual sistema electoral.
Nese momento, un vehículo de cor gris circula a toda velocidade diante da parada de autobús levantando un gran rebumbio de po, ante o que o home berra “tolo, tolo” e a muller exclama “aí o tes”. Xusto despois, Pepe decide romper o sobre co voto que lle entregaran minutos antes. O vídeo remata instando aos veciños e veciñas de toda a provincia a “pensalo ben” o 28 de maio, porque “se votas ao PP, votas a Baltar”.
Reflexión para votar en favor da toda a veciñanza
Os e as socialistas destacan que esta campaña é un “chamamento á reflexión, a confrontar os feitos ante as mentiras, o caciquismo e os presuntos delincuentes que usan coches oficias para asuntos de carácter persoal” e tamén a “facer fronte, coas nosas políticas útiles, ao baleiro e o atraso” das institucións en mans da dereita
O PSdeG-PSOE aposta pola “política útil en favor de toda a veciñanza”, porque “só cos socialistas hai futuro”, e porque “os progresistas somos os únicos capaces de por en marcha políticas municipais que teñen un efecto positivo sobre a vida de todas as persoas de Ourense”.

Desde o PSOE lembran que xa gañamos as últimas eleccións municipais e temos a convicción de que o noso programa para o 28 de maio volverá convencer á maioría. “Nós saímos a gañar as eleccións porque estamos convencidos que o futuro dará a razón ao Partido Socialista, que é o único partido que mira polo interese de toda a cidanía e o partido que poñerá á dereita no seu sitio”, insisten. “Por iso é tan importante que teñamos máis gobernos na provincia que en 2019 que defendan á maioría, o que tamén nos permitirá facer fronte á rémora que ocupa a Deputación”, conclúen.