O PSDEG-PSOE DE BEADE RECLAMA SOLUCIÓNS “URXENTES” ANTE A PERDA DE AUGA NA PARROQUIA DAS REGADAS E QUE PON EN “SERIO RISCO” O ABASTECEMENTO DA VECIÑANZA
Os e as socialistas tamén critican a “ausencia total” de desbroces en estradas e camiños, principalmente nos que levan aos viñedos, convertidos en “auténticas selvas” polas que se fai “imposible” o tránsito dos veciños e veciñas
O candidato á alcaldía de Beade polo PSdeG-PSOE, Mateo Rodríguez, afirma que Beade “precisa con urxencia dun goberno que mire máis pola veciñanza, que resolva de forma dilixente os problemas que se presenten e que escoite ás reclamacións e suxestións dos veciños”
Beade, 24 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Beade reclama solucións “urxentes” ante a perda de auga na parroquia das Regadas, por mor dunha avaría na rede de subministro que pon en “serio risco” o abastecemento de auga á veciñanza. Os e as socialistas tamén critican a “ausencia total” de desbroces en estradas e camiños, principalmente nos que levan aos viñedos, convertidos en “auténticas selvas” polas que se fai “imposible” o tránsito dos veciños e veciñas.
Dende o PSOE de Beade lembran que levan anos denunciando a “desidia e o abandono” que vive o municipio da man do goberno municipal do Partido Popular ao que acusan de “mirar para outro lado, namentres Beade esmorece”. Os e as socialistas amósanse especialmente críticos coa xestión municipal a hora de limpar e desbrozar as estradas e camiños, xa que tal e como denuncian “a situación é tan límite que os propios veciños e veciñas levan días cortando acacias e desbrozando para poder acceder ás súas leiras e viñedos ante a parálise e a desidia do goberno local”.
En relación as perdas de auga nas Regadas, o PSdeG-PSOE de Beade explica que a avaría “produciuse xa fai varios días, pero dende o concello non moveron un só dedo para buscar solucións”. Neste senso, os e as socialistas apuntan que a auga “cae pola estrada abaixo, o que supón a perda de milleiros de litros diarios de auga do depósito municipal” e afirman que a situación “é grave, xa que as portas do verán á veciñanza corre o risco de quedar sen auga nas súas vivendas”.
O candidato á alcaldía de Beade polo PSdeG-PSOE, Mateo Rodríguez Paz, afirma que Beade “precisa con urxencia dun goberno municipal que mire máis pola veciñanza, que resolva de forma dilixente os problemas e avarías que se presenten e que escoite ás reclamacións e suxestións dos veciños e das veciñas do municipio”. O cabeza de lista socialista tamén apunta que á veciñanza “está farta dun goberno, o do PP, que fai oídos xordos ante os problemas cotiás e que mira para outro lado cando á veciñanza denuncia o abandono o desleixo”.
Rodríguez Paz afirma que a partir do 28 de maio “Beade terá o goberno que merece da man do PSdeG-PSOE, un goberno que escoitará á veciñanza e que os converterá no eixo fundamental das políticas municipais, rematando coa desidia, o desleixo e o abandono e abrindo un novo tempo para o municipio e as súas xentes”. O candidato socialista tamén destaca que “co PSOE en Beade, hai futuro e así llo estamos facendo saber a unha veciñanza, cada día máis cansa da parálise e o esmorecemento”.

Os e as socialistas lembran que ao longo do último mandato impulsaron numerosos arranxos e solucións aos “graves” problemas que sufría á veciñanza de Beade, pero tal e como explican “foi con moita loita, traballo e insistencia ata que ao goberno municipal do Partido Popular non lle quedou máis remedio que aportar solucións e pórse a traballar”. Neste senso afirman que “traballou máis o PSOE na posición por Beade, do que o fixo o PP, ostentando a alcaldía”.