concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Con Natalia Pardo en Monterrei, hai Futuro

O PSDEG SUBLIÑA EN MONTERREI QUE O PROXECTO SOCIALISTA NO MUNICIPIO TEN COMO PROPÓSITO POÑER AOS VECIÑOS E ÁS VECIÑAS “NO FOCO PRINCIPAL” DAS POLÍTICAS MUNICIPAIS

Os e as socialistas traballarán arreo a partir do 28 de maio porque Monterrei “desenvolva o seu gran potencial económico, fomentando o emprego e a loita contra o despoboamento e cun proxecto que lle amose á veciñanza que hai futuro”

A candidata á alcaldía polo PSdeG-PSOE, Natalia Pardo Cáceres, subliñou durante a súa intervención que se presenta a estas eleccións motivada “polo abandono, a desidia, o desleixo, o desemprego e o despoboamento que sofren as aldeas deste concello”

Monterrei, 24 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE subliña en Monterrei que o proxecto socialista no municipio ten como principal propósito poñer aos veciños e veciñas “no foco principal” das políticas municipais. Os e as socialistas traballarán arreo a partir do 28 de maio porque Monterrei “desenvolva o seu gran potencial económico, fomentando o emprego e a loita contra o despoboamento e cun proxecto que lle amose á veciñanza que hai futuro”.

Nun acto celebrado na casa da cultura de Albarellos e no que participaron a candidata á alcaldía, Natalia Pardo Cáceres, membros da candidatura e o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, os e as socialistas explicaron o seu proxecto para Monterrei á veciñanza e aproveitaron tamén para escoitar atentamente as súas reclamacións e suxestións.

A candidata á alcaldía polo PSdeG-PSOE, Natalia Pardo Cáceres, subliñou durante a súa intervención que se presenta a estas eleccións motivada “polo abandono, a desidia, o desemprego e o despoboamento que sofren as aldeas deste concello”. A cabeza de lista dos e das socialistas de Monterrei puxo de manifesto que “creo firmemente que as cousas poden e deben facerse doutra maneira e para o pobo, sen intereses partidistas e cun goberno para todos e todas e sen distincións”.

Pardo Cáceres aproveitou para compartir coa veciñanza o seu programa electoral, destacando en materia económica “o desenvolvemento no municipio, coa creación de emprego, atraer a empresas e autónomos favorecendo a súa instalación ou potenciar os sectores vinícola, forestal, o turismo rural ou o sector agro alimentario”. Neste senso, a candidata socialista tamén puxo o foco na necesidade de “formar á mocidade, creando un centro de estudos baseado no sectores vinícola, forestal, agrario e no turismo”.

“Promoveremos o camiño de Santiago; ampliaremos a atención aos nosos maiores, cun seguimento semanal das persoas que viven soas; potenciaremos a compra e restauración de casas antigas con alugueres baixos, que facilite a instalación de familias; impulsaremos o arranxo e mellora das estradas e rúas do municipio; apostaremos polo coidado do medio ambiente coa limpeza de regatos e ríos; promoveremos a cultura, apostando por exposicións, rutas do patrimonio cultural, rutas dos castros e actuacións teatrais; apostaremos pola promoción dos produtos artesáns da comarca coa creación dunha web específica e dunha feira gastronómica”, destacou Natalia Pardo, antes de subliñar tamén que “queremos escoitar e falar coa veciñanza periodicamente das súas necesidades e problemas, comprometéndonos a resolvelos dentro das nosas capacidades”.

Por último, a candidata socialista á alcaldía de Monterrei afirmou que “presentámonos para traballar en serio polos nosos obxectivos, con compromiso, con lealdade, con ilusión, traballo e constancia e coa esperanza de cambiar as cousas no noso municipio e demostrar que en Monterrei, hai futuro”.

Pola súa banda o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, destacou que a candidata socialista conta co “respaldo do partido a nivel provincial e demostrará a partir do 28 de maio cando asuma á alcaldía de Monterrei, a excelente xestión no municipio, liderando un gran equipo de persoas, de socialistas comprometidos e comprometidas”, tras o que puxo de manifesto un carrusel de datos que amosan como o Goberno de España apoia as políticas municipais porque “o Partido Socialista é un partido cunha gran vocación municipalista”. Entre outras, salientou o amplo escudo económico despregado contra a crise económica e sanitaria provocada pola pandemia, que recaeu directamente na veciñanza, nas empresas ou nas administracións locais, fronte a unha Xunta de Galicia con Feijóo e Rueda “á cabeza” practicando unicamente o “trilerismo”, denunciou.

Do ámbito estatal, Abellás destacou os “bos datos económicos” como o aumento da afiliación á Seguridade Social, a baixada do paro, o descenso da inflación, o aumento das exportacións e o descenso do déficit comercial, “cifras avaladas polos comisarios europeos ou o Banco de España”, o que anuncia “un forte aumento da economía do país, que crece por riba da media europea”.