Toén, 24 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE vén de celebrar esta tarde un reparto informativo polas rúas de Toén e Moreiras no que participaron o candidato á alcaldía, Antonio Fernández Feijóo; membros da candidatura socialista e a deputada no Congreso, Uxía Tizón. Os e as socialistas conversaron con numerosos veciños e veciñas que quixeron escoitar atentamente o proxecto que o PSOE ten para o municipio, ademais de recibir o programa electora dos e das socialistas nas súas mans.
O candidato á alcaldia, Antonio Fernández Feijóo, sinalou que a candidatura socialista «abordará os proxectos necesarios para que o noso municipio avance» e afirmou que «as persoas que conformamos a candidatura do PSdeG-PSOE temos a seguridade de que é posible un futuro mellor para o noso municipio e estamos dispostos a traballar arreo para acadalo». O cabeza de lista socialista tamén puxo de manifesto que «ilusión e ganas de traballar para mudar a situación do noso concello, non nos faltan, pero só co voto da veciñanza o poderemos conseguir».
Fernández Feijóo explicou que un dos principais obxectivos «é realizar investimentos na rede de saneamento e depuración, que ocasiona importantes sancións anuais, superando os 8.000 euros por verquidos incontrolados». Así mesmo, tamén puxo en valor a situación «estratéxica do municipio» para atraer empresas «interesadas en desenvolver a actividade económico no noso concello», polo que afirmou que «comprometémonos a promocionar chan industrial, que nos converta nun referente comarcal».








O candidato socialista aposta tamén pola creación de infraestruturas culturais, deportivas e por áreas recreativas para o disfrute da veciñanza. Tampouco se esquece da cultural, o patrimonio natural ou arqueoloxía e destaca que «promoveremos roteiros, melloraremos a situación das beiras do río Miño e loitaremos por conservar as nosas tradicións».