concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Con Daniel Caneiro no Riós, hai Futuro

O PSDEG-PSOE SINALA QUE O 28 DE MAIO COMEZARÁ UN “NOVO TEMPO” PARA RIÓS DA MAN DOS E DAS SOCIALISTAS E QUE PORÁ FIN A ANOS DE “DESGOBERNO, DESLEIXO E RUÍNA ECONÓMICA”

O principal obxectivo que se marcan dende a agrupación socialista de Riós e “rematar con 30 anos de mal goberno, e reverter a situación demográfica para atraer poboación, potenciando a economía local”

O candidato á alcaldía Daniel Caneiro fixou como obxectivo principal “atender as reivindicacións que nos leva feito a veciñanza nas múltiples visitas que fixemos a tódolos núcleos de poboación”

Riós, 25 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE sinala que o 28 de maio comezará un “novo tempo” para Riós da man dos e das socialistas e que porá fin a anos de “desgoberno, desleixo e ruína económica para as arcas municipais”. O principal obxectivo que se marcan dende a agrupación socialista de Riós e “rematar con 30 anos de mal goberno, que levaron ao noso municipio a ruína económica e demográfica”.

O edificio multiusos foi testemuña do acto central do día dos e das socialistas do Riós e no que participaron o candidato á alcaldía, Daniel Caneiro, así como o seu equipo e que recibiron o respaldo do ex senador e ex deputado autonómico, Juan Carlos Francisco Rivera e do sundelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso. Ducias e ducias de veciños achegáronse ata o mitin socialista para escoitar polo miúdo o análise dos proxectos socialistas para o Riós e para amosar o seu apoio a Caneiro e o seu equipo, que segue medrando en apoios no municipio e que aspira o 28 de maio a gobernar a localidade.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía do Riós, Daniel Caneiro Villarino, explicou durante a súa intervención que a situación económica do concello “é pésima” e que a “nefasta” xestión do Partido Popular provocou que nos próximos 11 anos “nos veremos sometidos a un plan de saneamento, o que lle suporá o concello unha serie de problemas e que vén motivado pola lamentable xestión e administración do equipo de goberno do PP”. Ante esta situación os e as socialistas do Riós presentan un equipo “moi preparado, con ilusión e con moitas ganas de traballar por este concello”.

Caneiro Villarino fixou como obxectivo principal “atender as reivindicacións que nos leva feito a veciñanza nas múltiples visitas que fixemos a tódolos núcleos de poboación do concello”. O candidato socialista tamén destacou como outro dos puntos de traballo “intentar frear o despoboamento que paulatinamente leva o noso municipio a desaparición, senón tomamos unha serie de medidas para fixar poboación”.

O candidato socialista á alcaldía tampouco se quixo esquecer dos importantes recursos agroalimentarios e destacou que “potenciaremos a castaña, as setas e o mel e apostaremos pola DO Monterrei, a gran esquecida no noso municipio”, xa que tal e como apunta “xa vai sendo hora de que Riós de un pulo aos seus recursos e aposte tamén polos viñedos, tras anos de desleixo do PP nesta materia”.

Dende o PSdeG-PSOE do Riós tamén se marcaron como obxectivo “crear unha serie de axudas a natalidade, pero de verdade, non como as de mentira do actual equipo de goberno”, xa que tal e como sinalan “o único sitio onde están as axudas e no periódico, porque cando as familias acoden a solicitalas dinlle que non hai, posto que o concello non ten un duro para axudar á natalidade”.

“Loitaremos contra o abandono das rúas e dos núcleos de poboación do municipio, esquecidos nos últimos 4 anos, así como as estradas, que presentan un estado lamentable”, afirmou Daniel Caneiro. O candidato socialista tamén subliñou a necesidade de “pintar liñas nas estradas municipais, xa que os días de néboa ou choiva forte, apenas se ve por onde se circula”. Por último, afirmou que “todo isto levarémolo a cabo se o 28 de maio contamos co voso apoio maioritario para gobernar o noso concello”.

Pola súa banda o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, amosou o seu “total” apoio a candidatura socialista de Riós e trasladoulle á veciñanza os “numerosos” avances levados a cabo polo goberno de Pedro Sánchez ao longo da actual lexislatura. Neste senso destacou que gracias ao Goberno socialista “os veciños e veciñas de Riós viron como aumentaban as súas pensións, como se conseguía un aumento do salario mínimo profesional e como se coidou que ninguén quedase atrás durante a crise provocada pola pandemia da COVID-19 e da guerra de Ucraína”.