Concello de Ourense Municipais 2023

Recuperaremos a Concellería de Igualdade e ampliaremos os recursos do CIM

PACO RODRÍGUEZ COMPROMÉTESE A RECUPERAR A CONCELLERÍA DE IGUALDADE E AMPLIAR OS RECURSOS DO CENTRO DE INFORMACIÓN Á MULLER DE OURENSE

“Queremos unha transformación na nosa forma de habitar a cidade e convertela nun espazo seguro para as mulleres”, afirmou a secretaria xeral do partido e número dous da candidatura, Natalia González

“Introduciremos a perspectiva de xénero dun modo transversal nas políticas de impostos, emprego, vivenda e deseño urbano de tal xeito que o feminismo o impregne todo”, especificou

Ourense, 25 de maio de 2023. As candidatas do PSdeG-PSOE de Ourense para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio e o aspirante á alcaldía, Paco Rodríguez, reuníronse con representantes da Asociación de Executivas de Galicia –entre as que se atopaba a súa presidenta, Carla Reyes– para abordar diversas problemáticas que están a impedir a consecución da equidade real na sociedade.

Pola súa banda, as compoñentes da entidade de carácter feminista sinalaron que –pese a que nalgúns sectores como o universitario as mulleres están a ser maioría nas aulas, tanto como profesoras como en número de estudiantes– o  teito de cristal continúa impedindo que acaden os postos de reitoras nalgunhas universiades ou en servizos públicos de relevancia.

As integrantes da candidatura aproveitaron para subliñar a importancia de continuar loitando por unha paridade real desde a educación e a Administración municipal por ser a máis próxima á cidadanía. “Queremos unha transformación na nosa forma de habitar Ourense e convertela nun espazo seguro para as mulleres”, afirmou a secretaria xeral do partido e número dous da candidatura, Natalia González Benéitez.

Neste senso, sinalou que unha das primeiras medidas que implementarán no caso de chegar ao goberno local será a restitución da Concellería de Igualdade, prestando tamén especial atención ás políticas de acción e compromiso LGTBI. “Poremos en marcha o primeiro plan municipal contra a violencia de xénero que incluirá formación de profesionais e da sociedade ou o establecemento de medidas para mellorar a detección e denuncia da violencia de xénero”, destacou.

Ademais, no programa electoral do PSdeG-PSOE de Ourense inclúese a necesidade de ampliar os recursos do Centro de Información á Muller (CIM) potenciando atención psicolóxica que dende el se ofrece para favorecer a inclusión de todas (maiores, con discapacidade, migrantes e minorías étnicas).

“Introduciremos a perspectiva de xénero dun modo transversal nas políticas de impostos, emprego, vivenda e deseño urbano de tal xeito que o feminismo o impregne todo”, rematou a socialista.

Ao encontro asistiron outras integrantes da candidatura do PSdeG-PSOE como Rosa Tejera, María Fernández, Alba Iglesias, Cristina Fernández, Ángeles Casla, Olalla Meiriño e Amelia Rodríguez.