concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Reparto do PSdeG-PSOE pola feira en Celanova

Celanova, 20 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE vén de participar esta mañá nun reparto informativo polas rúas de Celanova, aproveitando a celebración da feira. Foron moitos os veciños e as veciñas que escoitaron atentamente as explicacións e as aclaracións sobre o programa que os e as socialistas presentan na vila. No reparto estiveron presentes membros da candidatura do PSdeG-PSOE, encabezados pola candidata á alcaldía, Teresa Barge. Tamén acudiron os deputados no Congreso, Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón Vázquez; e a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta.

O PSdeG-PSOE destacou en Celanova que o proxecto socialista está enfocado en “traballar” polo municipio con “dilixencia e honestidade”, apostando por “escoitar á veciñanza para facer o mellor para o noso concello”. Os e as socialistas puxeron de manifesto que “temos a forza e a capacidade para dar o impulso definitivo a Celanova, sen crispar a ninguén, mobilizándonos en contra das ameazas e das parcialidades”.

A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Celanova, Teresa Barge, afirmou que “é o momento dun goberno que afronte a realidade actual e de fomentar a credibilidade nos que temos a obriga e o encargo de traballar para o noso pobo”. A candidata do PSdeG-PSOE tamén destacou que “o cambio non o fai un só partido, faino o respecto, a unión e a colaboración. Ese cambio ten que fortalecerse o día 28 de maio e debe pasar por outorgar a confianza a todas e todos os que vimos a traballar con e para o noso municipio”.