O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE A DEPUTACIÓN “OCULTA E BORRA” AS GRAVACIÓNS DAS CÁMARAS QUE VIXÍAN O APARCADOIRO DOS COCHES OFICIAIS MULTADOS QUE BALTAR USA ARBITRARIAMENTE
“Que trata de ocultar Baltar agochando as gravacións das cámaras e negándonos o seu visionado con escusas baratas, a uns vídeos supostamente inocuos, se todas as viaxes eran oficiais?” pregúntanse
“Nos próximos días seguramente coñeceremos máis detalles escabrosos do carrusel de presuntas ilegalidades de Baltar con coches públicos da Deputación para fins privados”, aseguran desde o PSOE
Ourense, 25 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE denuncia que a Deputación de Ourense está a “ocultar e borrar” as gravacións das cámaras de seguridade, dos patios onde permanecen estacionados os coches oficiais da institución que, sen embargo, “Manuel Baltar usa arbitrariamente para asuntos persoais”, tal e como quedou demostrado nas últimas semanas, e que son “cazados reiteradamente infrinxindo a lexislación” sobre seguridade viaria. “As probas xa son tan evidentes que Baltar foi pillado a velocidades estratosféricas dúas veces en menos dunha hora”, recordan.
“Levamos semanas agardando polas gravacións da penúltima fin de semana de abril de 2023 e as do mes de setembro de 2021, datas clave nas que sabemos que Manuel Baltar foi cazado ata en tres ocasións incumprindo a lei co coche oficial” pero o goberno do PP que presume de ser o máis transparente do mundo “cala e destrúe as gravacións das ilegalidades do seu suposto líder”, denuncian os e as socialistas.
“Xa incumpriron o prazo para facilitar estas gravacións ante as solicitudes formais do PSOE pero, ademais, sabemos que unhas foron borradas e outras ocultaranas amparándose na normativa de protección de datos de carácter persoal”, denuncian.

Unha das cámaras de seguridade do patio do Pazo Provincial
“Que tratan de ocultar Manuel Baltar e os seus palmeiros negándonos as gravacións das cámaras de seguridade con escusas insostibles a uns vídeos tan supostamente inocuos, se todas as súas viaxes eran oficiais, tal e como asegurou o propio presidente, sen embargo, sen chegar a amosar proba algunha disto? pregúntanse desde o PSOE antes de resaltar que “Baltar non debería ter nada que temer do que ou de quen apareza neses vídeos”.
“Nos últimos días comprobamos que é un mentiroso compulsivo porque o delito que cometeu a 215 km/h poñendo en risco a vida doutras persoas, non foi un ‘despiste puntual’, tal e como dixera, polo que estas gravacións adquiren agora maior importancia, xa que permitirán evidenciar máis mentiras e manipulacións”, aseguran os e as socialista tras advertir que “nos próximos días seguramente coñeceremos máis detalles escabrosos do carrusel de supostos delitos e ilegalidades cometidos por Baltar con coches públicos da Deputación para fins privados”.
Para o PSdeG-PSOE, o visionado desas cámaras permitiría “clarexar” moitas cuestións que “están no aire” como a identidade dos condutores ou condutoras dos vehículos oficiais sancionados polas autoridades, que a Deputación foi incapaz de identificar, segundo explicou o propio presidente. O Grupo Socialista considera “obsceno” dicir que, por exemplo, “nin Baltar nin ninguén na Deputación sabe quen era o condutor do coche oficial multado a 157 km/h nunha estrada convencional en Monforte de Lemos (Lugo) un domingo de setembro de 2021 limitada a 90”.
“Baltar xa ten o mérito de entrar no rexistro de condutores temerarios reincidentes de España e proximamente terá o mérito de estar no rexistro de delincuentes, cando sexa condenado polo penal logo do xuízo do día 31 de maio en Zamora” conclúen desde o PSdeG-PSOE.