O PSDEG-PSOE DE XINZO SOLICITA Á DEPUTACIÓN DE OURENSE A POSTA EN FUNCIONAMENTO DA PLANTA DE VALORIZACIÓN DE RESIDUOS DA CONSTRUCIÓN DE MORGADE
As e os socialistas denuncian que esta planta leva 15 anos feita, tras máis de 850.000 euros de investimento a través de fondos europeos, pero a día de hoxe “segue sen funcionar e está practicamente desmantelada”
Elvira Lama destaca que en Xinzo seguimos vendo entullos por todas partes, e iso non pode continuar así”, motivo que levou as e os socialistas a presentar esta moción, xa que tal e como apuntan “é hora de actuar por un Xinzo máis limpo e sostible”
“Consideramos que estamos ante unha máis que posible e evidente malversación de fondos públicos, xa que tras máis de 850.000 euros de investimento e tras 15 anos, a planta nunca prestou servizo”, subliña
Xinzo, 10 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Xinzo vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria do concello na que solicita á Deputación Provincial de Ourense a posta en funcionamento da planta de valorización de residuos da construción de Morgade. As e os socialistas denuncian que esta planta leva 15 anos feita, tras máis de 850.000 euros de investimento, pero a día de hoxe “segue sen funcionar e está practicamente desmantelada”.
Dende o Grupo Municipal Socialista piden a “inmediata” posta en funcionamento para poder tratar os residuos das obras correctamente; que a Deputación poña en marcha unha campaña de concienciación sobre os residuos deste tipo, así como das sancións económicas por depositalas en plena natureza; e tamén que a Deputación amplíe o horario de apertura do punto limpo de Xinzo, concienciando e informando á poboación da rebaixa do 10% nos recibos por facer dúas entregas anuais, tal e como está recollido na nova ordenanza de RSU do ente provincial.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández, destaca que en Xinzo “seguimos vendo entullos por todas partes, e iso non pode continuar así”, motivo que levou as e os socialistas a presentar esta moción, xa que tal e como apuntan “é hora de actuar por un Xinzo máis limpo e sostible”. Asemade, a edil socialista lembra que durante os seus anos como deputada provincial “preguntei en innumerables ocasións pola situación da planta, pero a resposta sempre foi a mesma, que se ía por en funcionamento, e sen embargo, nunca aconteceu tal”.
“Consideramos que estamos ante unha máis que posible e evidente malversación de fondos públicos, xa que tras máis de 850.000 euros de investimento e tras 15 anos, a planta nunca prestou servizo”, subliña Lama Fernández. A voceira socialista tamén apunta que “namentres a planta segue pechada, a veciñanza de Xinzo e doutros concellos, que fan obras de reforma e demolición, non teñen onde levar os cascallos e o entullo, nin tampouco os restos das obras”. Tamén denuncia “a proliferación por pistas, beiras do río Limia e regatos e nos montes de todo tipo de basuraleza, cascallos, entullo e demais restos de obra, porque non hai onde levala para que sexa tratada de forma axeitada”.
As obras da planta de Morgade comezaron en 2010 a través dos fondos europeos FEDER e ao abeiro do Plan Arriano, cun investimento inicial de 651.112 euros. En xaneiro de 2023 a Deputación publicou un estudo de viabilidade económico-financeiro, a estrutura de costes e o anteproxecto de obras para a explotación, un trámite previo e necesario para sacar a licitación a xestión da planta. O documento establece que serían necesarios 132.921,64 euros para actualizar as instalacións, 60.801,31 euros para impermeabilizar o depósito de inertes e 412.511, 79 euros para futuros gastos de selado e restauración paisaxística da zona cando remata a vida útil das instalacións.
O PSdeG-PSOE de Xinzo presenta esta moción tras recoller numerosas queixas de veciños e veciñas que alertan do abandono desta instalación e de fotos de restos da obra espallados por diversos lugares. As e os socialistas finalizan afirmando que “vai sendo hora de que o goberno local de AXIL e PP se poña a traballar e de que a Deputación poña dunha vez por todas en marcha a planta”.



