Concello de Ourense ourense Política municipal

Reclamamos que Jácome non continúe á fronte da Alcaldía logo da súa imputación por prevaricación

As socialistas claman que Ourense merece un goberno digno da súa cidadanía e reclaman que Jácome non continúe á fronte da Alcaldía logo da súa imputación

Apelamos á responsabilidade política. Máis alá do que determine a xustiza, hai unha cuestión de exemplaridade que é esencial en democracia”, advirten

En Ourense, a 14 de abril de 2026. Dende o grupo municipal socialista fan unha valoración clara e contundente ante a decisión xudicial de avanzar cara á apertura de xuízo oral contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, por non solicitar a compatibilidade das súas actividades privadas co exercicio do cargo público.

“Esta situación non é nova, e cómpre facer memoria para entender a súa gravidade. Ao longo destes sete anos as socialistas mantivemos unha posición firme, coherente e sostida no tempo: a defensa da legalidade, da ética pública e do respecto ás institucións. O que o señor Jácome cualificaba de ataques políticos eran, en realidade, advertencias fundamentadas que hoxe atopan respaldo na actuación xudicial”, sinala a voceira do PSdeG e secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González.

“Por iso, reiteramos con toda a contundencia o noso posicionamento. Ourense non pode ter un alcalde que sitúe os seus intereses persoais por riba do interese xeral nin que ignore de maneira consciente as obrigas legais do seu cargo”, engade sobre o que as edís socialistas levan anos reiterando ao denunciar que o rexedor confunde a Administración pública cunha empresa privada, pasando por riba dos dereitos da cidadanía.

Ao mesmo tempo, esixen axilidade á xustiza porque entenden que a veciñanza de Ourense leva demasiado tempo soportando unha situación de deterioro institucional e merece unha resposta rápida e clara que permita pechar esta etapa. “Apelamos á responsabilidade política. Máis alá do que determine a xustiza, hai unha cuestión de exemplaridade que é esencial en democracia. E nese sentido, entendemos que o señor Jácome non debe continuar nin un día máis á fronte da alcaldía. Ourense necesita un goberno digno da súa cidadanía”, conclúen.