concellos INICIATIVAS Parlamento de Galicia Sanidade

Levamos ao Parlamento a preocupante situación da sanidade pública en Verín

O PSDEG LEVA AO PARLAMENTO DE GALICIA A “PREOCUPANTE” SITUACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA EN VERÍN E RECLAMA REFORZAR A HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO E A ATENCIÓN DE CARDIOLOXÍA NO HOSPITAL COMARCAL

A deputada autonómica por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de rexistrar en sede parlamentaria unha batería de iniciativas para denunciar o deterioro dos servizos sanitarios esenciais no Hospital Público de Verín e reclama medidas “urxentes” por parte da Xunta de Galicia

Segundo trasladou a deputada socialista, estas propostas parten das denuncias realizadas pola comisión delegada do Hospital de Verín e polos propios profesionais sanitarios, que alertan dun “deterioro progresivo” destes servizos, cunha perda de capacidade asistencial, sobrecarga do persoal e aumento das derivacións ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

Rodríguez Dacosta advirte de que “non estamos ante un feito illado, senón ante unha dinámica preocupante que afecta á calidade da atención sanitaria na área”, e subliña que “a situación actual está moi lonxe dos estándares que debe garantir o sistema público de saúde”

Ourense, 15 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense leva ao Parlamento de Galicia a “preocupante” situación da sanidade pública en Verín e reclama reforzar a hospitalización a domicilio e a atención de cardioloxía no Hospital Comarcal. A deputada autonómica por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de rexistrar en sede parlamentaria unha batería de iniciativas para denunciar o deterioro dos servizos sanitarios esenciais no Hospital Público de Verín e reclama medidas “urxentes” por parte da Xunta de Galicia.

As iniciativas —que inclúen unha proposición non de lei e preguntas para a súa resposta en comisión, por escrito e en pleno— poñen o foco na situación da Hospitalización a Domicilio (HADO), incluída a atención paliativa, e na falta de atención de cardioloxía accesible para a veciñanza da comarca de Monterrei.

Segundo trasladou a deputada socialista, estas propostas parten das denuncias realizadas pola comisión delegada do Hospital de Verín e polos propios profesionais sanitarios, que alertan dun “deterioro progresivo” destes servizos, cunha perda de capacidade asistencial, sobrecarga do persoal e aumento das derivacións ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Rodríguez Dacosta advirte de que “non estamos ante un feito illado, senón ante unha dinámica preocupante que afecta á calidade da atención sanitaria na área”, e subliña que “a situación actual está moi lonxe dos estándares que debe garantir o sistema público de saúde”.

A deputada explica que, no caso da hospitalización a domicilio e dos coidados paliativos, “pasouse dun modelo estruturado e con seguimento continuado a unha atención claramente insuficiente, que na práctica se limita a unha consulta semanal de enfermaría para arredor de vinte pacientes”. Neste senso, denuncia que “o servizo se está sostendo unicamente grazas ao compromiso persoal dos profesionais”.

No que respecta á cardioloxía, sinala que “a ausencia dunha atención accesible obriga a moitos pacientes, especialmente persoas maiores, a realizar desprazamentos de máis dunha hora ata Ourense para probas e revisións que deberían facerse no seu hospital de referencia”.

Para a parlamentaria socialista, esta situación “é especialmente grave nun territorio como o da comarca de Monterrei, marcado pola dispersión poboacional, o envellecemento e a distancia aos centros hospitalarios”, polo que considera “inxustificable calquera recorte ou baleirado funcional dos servizos”. “Estamos a falar do dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria digna, continua e de calidade, especialmente no caso de pacientes crónicos, persoas maiores ou enfermos con necesidades paliativas”, afirma.

A través destas iniciativas, o PSdeG esixe á Xunta de Galicia que aclare a situación real destes servizos no Hospital de Verín, estableza un calendario para a súa recuperación e adopte medidas concretas para garantir a súa continuidade e reforzo. En particular, a proposición non de lei reclama garantir de maneira inmediata o funcionamento efectivo da hospitalización a domicilio con recursos humanos suficientes, recuperar e reforzar a atención paliativa e asegurar unha atención cardiolóxica próxima que evite desprazamentos innecesarios.

“Non imos permitir que a veciñanza de Verín e da comarca de Monterrei siga perdendo servizos sanitarios. A Xunta ten que actuar con urxencia e responsabilidade”, conclúe Rodríguez Dacosta.