O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS ACADA O APOIO UNÁNIME DO PLENO PARA AVANZAR NA INCORPORACIÓN DA PERSPECTIVA DE XÉNERO NAS POLÍTICAS PÚBLICAS DE SAÚDE E POR EN MARCHA UN PLAN DE PACIFICACIÓN DO TRÁFICO NO MUNICIPIO
Ana Belén Peleteiro subliñou que “é imprescindible corrixir esta desigualdade histórica e avanzar cara a un sistema sanitario que teña en conta as diferenzas reais entre mulleres e homes”, defendendo que incorporar esta perspectiva “non é unha cuestión ideolóxica, senón de rigor científico e de xustiza social”
Victoria Morenza destacou que “buscamos dar unha resposta integral a unha demanda real da cidadanía” e subliñou que “apostamos porque se poidan desprazar con seguridade polo municipio, especialmente os colectivos máis vulnerables como a infancia e as persoas maiores”
Desde o PSdeG-PSOE de Barbadás valoran moi positivamente o respaldo unánime da corporación a ambas iniciativas, que consideran “un paso importante para construír un Barbadás máis xusto, máis seguro e adaptado ás necesidades da súa veciñanza”
O grupo municipal socialista reafirma así o seu compromiso de seguir impulsando propostas útiles, centradas no interese xeral e na mellora da calidade de vida da cidadanía
Barbadás, 15 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás acadou no pleno municipal o apoio unánime nas dúas mocións presentadas nas que avanzar na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas públicas de saúde e a elaboración e posta en marcha dun plan de pacificación do tráfico no municipio.
A primeira das iniciativas, relativa á incorporación da perspectiva de xénero nas políticas públicas de saúde, foi defendida pola concelleira Ana Belén Peleteiro Prieto. A proposta pon de relevo que durante décadas a investigación biomédica e o deseño das políticas sanitarias tomaron como referencia principal o corpo masculino, o que xerou importantes carencias no coñecemento sobre a saúde das mulleres e derivou en diagnósticos tardíos ou tratamentos menos axeitados.
Durante a súa intervención, Peleteiro lembrou que “a saúde feminina afecta á metade da poboación” e advertiu de que “para unha sanidade máis xusta non podemos darlle as costas á saúde das mulleres”. Neste sentido, subliñou que “é imprescindible corrixir esta desigualdade histórica e avanzar cara a un sistema sanitario que teña en conta as diferenzas reais entre mulleres e homes”, defendendo que incorporar esta perspectiva “non é unha cuestión ideolóxica, senón de rigor científico e de xustiza social”.
A moción aprobada insta ás administracións a impulsar medidas como a mellora da recollida de datos desagregados por sexo, o reforzo da investigación en enfermidades que afectan de forma específica ás mulleres e a formación do persoal sanitario. Ademais, tamén recolle o papel dos concellos na prevención e promoción da saúde mediante accións de sensibilización e educación sanitaria
A segunda moción, centrada na elaboración e posta en marcha dun Plan de Pacificación do Tráfico, foi defendida pola voceira socialista Victoria Morenza Doforno. A iniciativa ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria en distintos puntos do municipio, especialmente nas zonas con maior tránsito peonil e rodado.
Morenza destacou que “buscamos dar unha resposta integral a unha demanda real da cidadanía” e subliñou que “apostamos porque se poidan desprazar con seguridade polo municipio, especialmente os colectivos máis vulnerables como a infancia e as persoas maiores”. Ademais, engadiu que “a pacificación do tráfico non só mellora a seguridade viaria, senón que contribúe a crear contornas máis habitables, con menos ruído, menos contaminación e maior calidade de vida”.
A moción inclúe unha batería de medidas concretas, entre as que destacan o incremento da sinalización con límites de velocidade de 30 km/h, a renovación da sinalética obsoleta, o reforzo da visibilidade na calzada, a instalación de pasos de peóns elevados e elementos redutores de velocidade, así como a mellora da iluminación en cruces e pasos de peóns. Tamén contempla actuacións en espazos sensibles e a reorganización do tráfico en zonas conflitivas.
Desde o PSdeG-PSOE de Barbadás valoran moi positivamente o respaldo unánime da corporación a ambas iniciativas, que consideran “un paso importante para construír un Barbadás máis xusto, máis seguro e adaptado ás necesidades da súa veciñanza”. O grupo municipal socialista reafirma así o seu compromiso de seguir impulsando propostas útiles, centradas no interese xeral e na mellora da calidade de vida da cidadanía.

